
O gaiteiro Carlos Núñez, que tocou no acto, interpretou unha peza con Alonso Montero acompañándoo ao pandeiro
25 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Contrariamente ao que se agardaba, o escritor e académico Xesús Alonso Montero amosouse onte na Casa de Cultura de Ribadavia como un homenaxeado exemplar: acatou a decisión dos organizadores de facer unha «intervención breve, de 18 minutos» e en lugar de ler «o discurso dunhas trinta páxinas que tiña preparado» decantouse por aportar catro breves fragmentos. No acto no que lle foi entregado o nomeamento do título de «fillo adoptivo» de Ribadavia, Alonso Montero lembrou a pegada e a influenza que nel tiveron o seu profesor Bernardino Graña Refojos, os seus tíos Francisco Centrón Pérez e Clodomiro Montero «que foron os que espertaron en min o interese polas palabras», a loita contra o encoro de Castrelo de Miño e a homenaxe que lle tributaron a Celso Emilio Ferreiro en 1966, en Ourense, antes de marchar para Caracas.
Nunha cita marcada pola emotividade e o recoñecemento unánime ao profesor, filólogo e loitador a prol da lingua e da esquerda -e o seu fondo compromiso existencial co Ribeiro e as orixes familiares en Ventosela e A Groba- glosaron a figura de Alonso Montero o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, Xosé Carlos Sierra, Xesús Rábade Paredes -que compuxo un soneto na memoria do que foi o seu profesor-, Carme Blanco, Arturo Reguera, Modesto Hermida, Fernando Salgado, Inma López Silva e Xosé Luís Franco Grande. As lembranzas do maxisterio e a pegada que Alonso Montero deixou nos seus alumnos do instituto de Lugo ou na súa etapa universitaria -Inma López Silva propuxo adoptalo para «que o fillo que está dentro de min teña a sorte de ter como irmán un profesor feito e dereito, un Xesús Alonso Montero crecidiño como tiven eu»- marcaron os discursos. Franco Grande, na súa improvisación ao verse obrigado a intervir, lembrou a súa amizade dende 1957 e sentenciou: «Pagou a pena. Pensa que valeu a pena facer o camiño que se fixo até aquí».
O gaiteiro Carlos Núñez, que tocou no acto, interpretou unha peza con Alonso Montero acompañándoo ao pandeiro.