«A vida universitaria nos 80 non tiña comparación coa de hoxe»

Elisa Álvarez González
elisa álvarez SANTIAGO

LUGO CIUDAD

Gonzalo Iglesias

Lucense que traballa na Coruña, está encantado vivindo en Santiago

13 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

É de aldea aldea, «e con moito orgullo». En concreto de San Vicente da Pena, en Begonte. Estivo no seminario de Lugo, traballou en Oviedo e agora é catedrático de psicoloxía da educación na Universidade da Coruña. Pero Santiago chama por el e Antonio Valle nunca abandonou esta cidade desde que aos 18 anos comezara a estudar Psicoloxía, unha carreira na que acabou porque un amigo tamén se decantara por ela.

Ir ía para filósofo. A culpa fora do seu profesor de instituto, que lle meteu o gusto no corpo. Porque como di Antonio, «os mestres teñen unha capacidade de influencia determinante». Para ben e para mal. Para o primeiro estivo o seu profesor de filosofía, e máis César Coll, que na facultade lle ensinou as bondades da psicoloxía da educación. Para mal a súa mestra da unitaria, que facía moito pola educación ambiental dos rapaces «e sachabámoslle a horta, iamos a collerlle as castañas», di. Agora, o que se di ensinar, «con 10 anos cheguei a Lugo e a nova profesora, para ver se me podía aprobar, díxome que escribise os números pares de cero a dez, e non fun capaz de escribir o primeiro». En San Vicente da Pena o de psicoloxía non soaba moi ben, «parecíalles un pouco raro, porque o asociaban primeiro a psiquiatría, a psiquiátrico, e finalmente a xente que estaba mal».

Pequeneces a parte, aterrou en Santiago no 80, nun momento no que «a vida universitaria e as actividades sociais e culturais da capital de Galicia non tiñan comparación coa de hoxe». A de Compostela era a única universidade na comunidade, había máis estudantes e tanto o campus norte como o Ensanche ou a zona histórica eran un fervedoiro de mozos. Aínda así, ao principio foi duro, «eu botara anos en Lugo, xa tiña amizades, e claro, non foi doado». O que máis lle gustaba, sen dúbida, «era o ambientazo que había».

No Burgo ao principios dos 80 había xente de todos os lugares de Galicia, e de máis alá. «Moitos árabes, lémbrome, naqueles anos era algo moi positivo. A auténtica vida universitaria é cando te tes que desprazar e ser autónomo. De feito debería ser obrigatorio, estou convencido de que dende o punto de vista da riqueza cultural e intelectual é clave», di Antonio.

Colaborador en La Salle

Finalizada a carreira de Psicoloxía, pasoulle o mesmo que agora senten os seus alumnos, «véxome reflectido neles, porque salvo catro casos moi contados todos se preguntan, ¿e agora que fago? O certo é que resulta moi circunstancial que acabes nun sitio, ou facendo unha cousa ou outra». No 87 acadou unha bolsa de investigación na facultade, e ao mesmo tempo colaboraba nun programa para escolares con dificultades de aprendizaxe no colexio La Salle. Aos dous anos a vida ofreceulle dúas alternativas, un contrato estable en La Salle ou unha praza de profesor contratado en Oviedo. «O corazón pedíame quedar aquí», xa que en Compostela estaban os seus amigos, a súa parella, pero o seu futuro laboral fíxolle decantarse por Oviedo. Foi un camiño de ida e volta, e menos de dous anos despois xa estaba na daquela nova Universidade da Coruña, cunha praza de titular interino de escola universitaria, acadando xa no ano 2008 a cátedra.

Pero nunca deixou de vivir en Santiago. Nestes trinta anos sempre estivo encantado cunha cidade que lle parece moi cómoda, «e que che permite pasear polo casco vello, para min é todo un luxo».