«Sogama é boa para toda Galicia»

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Defende o labor da planta medioambiental e a construción doutra no sur do país

11 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Luís Lamas Novo (Lugo, 1971) leva tres anos á fronte da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), onde seguen poñendo en funcionamento «novas iniciativas no eido da educación ambiental».

-Os concellos débenlles 24 millóns ¿Como lles afecta a crise?

-A parte positiva da crise é que se está reducindo a xeración de residuos. Do 2010 ao 2011 entrou en Sogama un 2,2 % menos de lixo. A parte negativa é o prezo da enerxía eléctrica e que os concellos retrasan o pagamento. Deben priorizar gastos, pero tamén hai que dicirlle á xente que o tratamento de residuos custa moitos cartos e os servizos hai que cobralos. Os cidadáns temos que pagar o que verdadeiramente custa.

-¿Vai haber recortes?

-Si, pero a nosa marxe de manobra é moi escasa. A maioría dos contratos de explotación das plantas son a longo prazo e o seu custe vén dado nunha grande medida polo persoal. Temos un persoal sobredimensionado, con salarios elevados, con condicións laborais moi boas e que ten un custe fixo moi alto. Polo tanto, as nosas posibilidades de recortar son mínimas.

-¿Sogama vai medrar?

-A postura do Concello de Cerceda [de incluír o aumento no PXOM] paréceme valente e prudente por prever esa posibilidade. Non sei se Sogama vai medrar, pero o Plan de Residuos haino que cumprir e o razoable é que haxa un complexo no sur para evitar gastos de transporte e o que supón desde o punto de vista mediaombiental. A postura do Concello é lóxica e entendible. Ademais aposta por Cerceda, como é a obriga do alcalde.

-¿Canto podemos durar cos niveis de lixo que xeramos?

-Pouco. Esa cultura de usar e tirar, de pensar que todo o que xeramos podémolo tratar, non pode ser. Temos un gran reto no que traballar todos os cidadáns, para que a diminución de lixo permaneza. Queda o reto dos produtores e os que envasan para que traballen cada vez con menos envases.

-¿Que lles diría aos que non queren a incineradora en O Irixo?

-Que veñan ver Sogama. Aínda non atopei a ningún dos que se opoñen que a coñecese. Hai uns cantos que están tratando de desinformar e manipular, só contando unha parte. Diríalles que viñeran a Cerceda, que falasen co alcalde, que quere que se amplíe Sogama e que di que foi unha lotaría para o seu municipio. En Cerceda e arredores non están todos tan tolos para querer algo que é malo. Sogama non é boa para o municipio, éo para toda Galicia.

-¿A vida en Cerceda é boa?

-Por suposto. Cando vés a Cerceda non notas diferenzas con outros lugares. Ultimamente escoitei cousas propias do xuízo final. Aquí hai explotacións agrarias, casas de turismo rural, un parque acuático, campos, hortas, vacas. Son perfectamente compatibles. Hai que velo, non se trata de que me crean a min.

-¿Afecta a crise á separación do lixo?

-Seguimos igual. A crise non inflúe na mellor ou peor separación. É certo que é unha das materias pendentes. Non separamos ben en orixe, iso significa que estamos tirando recursos ao vertedoiro e non serve para nada. É inasumible desde o punto de vista medioambiental.

-¿Hai escépticos entre as 4.000 visitas que recibiron no 2011?

-Insisto na idea de transparencia. Somos a única planta en Galicia que ten un sistema de visitas, calquera pode vir ver todo, tamén aqueles que falan de nós sen coñecernos. Os que veñen teñen unha boa valoración cando saen. Cando entran veñen moi proclives a pensar que é un monstro, que funciona horriblemente mal porque é o cliché que se transmite. Do que se queixan é do cheiro dentro da planta, pero iso non se nota fóra. Esta é a principal ferramenta, pero é cativa porque non podemos chegar a todos os galegos.

-¿Que plans teñen para o 2012?

-Esperamos que a planta siga funcionando ben. Tamén a sexta campaña de Ti es a peza que falta, coa que nos imos dedicar ás ensinanzas medias; a campaña nos dez colexios do programa piloto de illas ecolóxicas e a de compostaxe doméstica.

luís lamas novo presidente da sociedade galega do medio ambiente

«En Cerceda e arredores non están tan tolos como para querer algo que é malo para o seu municipio»