Outros textos son o fantástico Ciclo de Ión e contos sobre a memoria e a loita antifascista; precisamente esa é a liña do relato final, tamén inédito, O neno que non quería ir á guerra, «unha especie de memorias dun neno da posguerra fillo de pai represaliado».
O feito de que Contos e descontos se presente como «narrativa completa» non exclúe que Rodríguez Fer peche esta faceta da súa obra. «Ultimamente preferín facer relato en verso, como ocorre nos meus últimos poemarios, Ámote vermella e Unha tempada no paraíso, porque ao mesmo tempo que me interesa contar historias non quero prescindir da intensidade da poesía. E de momento prosigo nesta liña, aínda que nunca se sabe o que se fará, porque non é un quen fai a súa obra, senón a súa obra a un», explica o escritor.