«Levo anos fóra del, pero o ensino é un oficio fascinante»

benigno lázare LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Desde onte aínda quedou máis vencellado a Lugo cun monolito e o seu nome na nova biblioteca da Piringalla

26 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Dende onte Paco Martín é O Escritor na súa Terra, galardón anual que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. A conmemoración quedou plasmada coa plantación dunha árbore e o descubrimento dun monólito na praza da Horta do Seminario, a uns poucos centos de metros da terra onde naceu o escritor, o barrio de Recatelo. Tamén a nova biblioteca do barrio da Piringalla leva o seu nome, cinguido desde hai moitos anos á literatura infantil en galego, e en particular ao persoeiro de Ramón Lamote.

-Tendo en conta o dito de que segundas partes non son boas, ¿como lle foi a vostede con «Das novas cousas de Ramón Lamote»?

-Pois non me foi nada mal. Iso de que segundas partes non son boas, neste caso non é unha segunda parte, pero tamén temos El Quijote como demostración palpable de que iso é unha falacia, porque a segunda parte é moito mellor que a primeira. A min foime ben, leuse moito e tivo moi boas críticas, tamén en castelán, aínda que supoño que non foi tan rompedor como o primeiro, que abriu un camiño, pero estou satisfeito.

-¿Como era a literatura infantil en galego cando comezou a publicar, no 1971, e como é agora?

-Daquela non era. Aínda non era e había que facela, por iso a maioría dos que nos dedicamos a isto somos xente do ensino. Necesitabamos material para traballar cos nosos alumnos e como non o había, tiñámolo que facer nós, e de aí nacemos.

-Como mestre xubilado, ¿como ve a profesión hoxe?

-Levo un tempo afastado dela, pero sigue sendo un oficio fascinante, que da a oportunidade de traballar con persoas nunha idade na que aínda a sinceridade e as paixóns máis directas están aí fóra e non se preocupan de gardalas, e iso é algo que enche. Agora hai máis medios pero a profesión segue sendo a mesma.

-Dende a distancia que lle da non exercer, ¿que opina da polémica que se montou coas horas lectivas?

- Non estou moi ao tanto pero desde sempre houbo unha loita bestial que foi intentar convencer á sociedade e ás autoridades de que os centros de ensino son iso, lugares onde se aprende e onde se educa, e non sitios onde se gardan os nenos. Unha das cousas que máis mal me parecía era, no verán, cando un cativo facía unha trasnada, escoitar á nai rifándolle e dicíndolle, «que gañas teño de que comece o colexio». Aos nenos tenos que educar toda a tribo.

paco martín distinguido pola asociación de escritores galegos