A Popular de Cambados supera o medio milleiro de inscricións

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

LUGO CIUDAD

09 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Carreira Popular de Cambados vivirá este domingo a súa terceira edición sobre un trazado urbán de 3.333 metros e un percorrido total de 10 quilómetros. E faráo cunha participación máis ca notable vendo o listado de inscrición a pouco máis de 24 horas para o seu peche. A última hora da tarde de onte eran 544 os atletas que tiñan confirmada a súa asistencia á cita. Un número que salienta por dúas circunstancias. A curta traxectoria da carreira, e o feito de coincidir con ata catro probas máis en Galicia. A Carreira Nocturna de Celanova, o sábado, e o mesmo domingo, sendas competicións en Lugo, A Coruña e Ames.

Desde o Concello da vila do albariño, organizador do evento, confiábase onte en chegar a uns 600 corredores inscritos a última hora de hoxe, límite para formalizar a asistencia á Carreira Popular de Cambados. Os interesados poden anotarse aínda a través da páxina web www.championchipnorte.com, ou ben na oficina do animador deportivo municipal, puidendo dirixirse a este mesmo, Alfredo Oliveira, para calquera dúbida.

A proba, para categorías promesas, xuvenil, júnior, sénior e veteráns masculinas e femininas, contará cun cartel de luxo, cos gañadores das dúas edicións anteriores, Pedro Nimo e Hassan Lekhili, e das catro primeiras clasificadas no 2010, coa lusa Claudia Pereira defendendo triunfo ante as súas compatriotas Filomena Costa e Dorotea Alves, e a galega Iolanda Gutiérrez.

A Policía Local curtará as rúas do trazado desde primeira hora da mañá do domingo ata a unha da tarde. O Concello pídelles desculpas polas molestias.