«O galego é o que mola»

chelo lago

LUGO CIUDAD

11 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

1Uns 2.500 rapaces de trinta centros escolares e institutos de Pontevedra e a súa comarca participaron onte no Correlingua, a carreira pola lingua que encheu a praza da Ferrería, ata onde chegaron dende o Recinto Feiral, despois de facer un percorrido polo casco vello da cidade. A marea de rapaces foron recibidos por un dragón xigante, músicos e malabaristas. O manifesto a prol da lingua foi lido por os alumnos de sexto curso do CEIP San Martiño, gañadores do concurso de banda deseñada. O Mago Martín foi quen de abraiar aos presentes co seu espectáculo de maxia, e a «marcha» estivo a cargo do grupo Os Festicultores, que remataron a súa actuación cunha sorprendente versión moi roqueira, en galego por suposto, da coñecida canción guerrilleira Non pasarán. Logo, os concelleiros Anxos Riveiro e Demetrio Gómez repartiron entre todos os centros participantes, lotes de libros cedidos por librerías e editoras da cidade, e para rematar, soltáronse globos xigantes de cores -cada escola tiña un- como metáfora do galego que bota a voar, ata Vilagarcía e Lugo, onde hoxe celébrase o Correlingua. Os rapaces levaban pegados no lombo e no peito, palabras en galego, e algúns, como os do IES Ponte Caldelas, portaban pancartas nas que se podía ver «Queremos máis galego», e «Na casa e na escola, o galego é o que mola».

Teatro

2E mentres algúns alumnos do IES A Xunqueira I, concretamente os de segundo curso da ESO, participaban no Correlingua, outros, os integrantes do grupo de teatro que dirixe a profesora de lingua castelá, Belén Herrero, escenificaron no propio centro, a obra La Ratonera, unha claustrofóbica trama de misterio e intriga da famosa escritora británica Agatha Christie. Ademais, dentro das actividades realizadas en torno ao Día das Letras Galegas, Diana Rúa Eiras ofreceu, tamén onte, aos alumnos de cuarto da ESO, unha charla sobre Rosalía de Castro. Este IES ven de obter varios premios nos concursos convocados no programa Ben Veñas, maio, como o segundo e terceiro no concurso de música, que lle corresponderon a Fran Sieiro e Rubén Iglesias, respectivamente, ámbolos dous de primeiro de Bacharelato.

Os Bolechas

3Os cativos do Colexio Infantil de Barciela, no Concello de Vilaboa, non viñeron ao Correlingua pero tamén disfrutaron onte dunha actividade especial da man dos monecos Os Bolechas do ilustrador Pepe Carreiro, protagonistas do libro Os Bolechas queren saber como son os cetáceos da nosa costa. A publicación foi presentada polo biólogo Alfredo López, presidente da Coordinadora para os estudos dos mamíferos mariños, Cemma, e responsable das accións de educación ambiental en Galicia do proxecto Life+Indemares. O devandito proxecto ten por obxectivo contribuír á protección e uso sostible da biodiversidade nos mares. O traballo foi exposto mediante un audiovisual e os rapaces disfrutaron da historia e das coñecidas personaxes, e fixeron moitas preguntas, en especial do arroaz Gaspar.