O acto central do 17 de maio será na Casa de Cultura monfortina

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LUGO CIUDAD

No sur lucense haberá nos próximos días varias homenaxes a Lois Pereiro

11 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Casa de Cultura de Monforte acollerá o martes próximo o acto central do Día das Letras Galegas, de acordo co programa establecido pola Real Academia Galega e o Concello. A xornada comezará ás 11.30 horas cunha recepción na casa consistorial, desde onde os académicos e as autoridades se desplazarán a pé ata a praza de España, acompañados pola banda municipal.

Para as 12.30 está previsto o inicio da sesión aberta ao público, na que os académicos Manuel Rivas, Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana, Antón Santamarina, Luz Pozo Garza e Xosé Luís Méndez Ferrín pronunciarán unha serie de discursos en memoria do poeta monfortino Lois Pereiro.

Outras celebracións

Por outro lado, o Día das Letras Galegas está a ser conmemorado con diversas actividades en diferentes puntos do sur lucense. No centro multiusos de Monforte celebrouse onte un encontro de alumnos dos centros de ensino locais co escritor Manuel Rivas e o pintor Antón Patiño -amigos de Lois Pereiro- e Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta.

Os centros educativos de Monforte, así mesmo, participarán mañá nunha serie de homenaxes a Pereiro que se celebrarán de forma simultánea en numerosos lugares -baixo a denominación común de Vento Lois- por iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, entre outras entidades. Ás doce do mediodía, os alumnos realizarán unha serie de lecturas de textos de Pereiro. Tamén mañá, ás 20 horas, o Centro do Viño acollerá un recital poético e un coloquio sobre Pereiro organizado polo Club do Viño da Ribeira Sacra.

Para o venres, por outro lado, está previsto unha xornada de homenaxe na Casa de Cultura de Pantón. Ás once da mañá haberá unha sesión de animación á lectura e media hora máis tarde ofrecerase unha conferencia, baixo o título «Achegamento a Lois Pereiro», a cargo de Mario Pontón, amigo persoal do poeta,

O Día das Letras Galegas será celebrado tamén na residencia Geriatros de Chantada, onde o sábado -ás 18 horas- haberá un concerto das corais polifónicas desta vila, de Quiroga e de Baños de Molgas.

A biblioteca pública do Saviñao, pola súa parte, organizará o luns no auditorio municipal de Escairón-a partir das 18 horas- un recital de homenaxe a Lois Pereiro a cargo dos poetas Xesús Manuel Valcárcel e Carlos Arias.