Alumnos de 16 centros mostran os seus colexios para «Xiz»

redacción / la voz

LUGO CIUDAD

V Televisión emite hoxe ás 20.05 un novo programa sobre o concurso

15 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Queda menos dunha semana para que comece Xiz, o primeiro concurso da televisión entre colexios de Galicia, que afronta o reto de formar divertindo a toda a familia.

Ao longo destes días, de luns a vernes. V Televisión está a programar un espazo diario que se emite ás 20.05 horas para que os espectadores galegos coñezan os pormenores de Xiz, no que participan alumnos e profesores dos centros escolares que concursarán a partir do vindeiro día 21.

No espazo de hoxe intervirán rapaces de 16 colexios de primaria, aos que se achegaron as cámaras de V Televisión. Na primeira parte do programa Xiz percorre os CEIP Juan Rey (Lourenzá), Maside (Maside), Fogar (Carballo), Mosteiro-Bembrive (Vigo), Carballedo (Cotobade), CPR San Xosé (Ourense), CPI Ramón Piñeiro (Láncara) e Gran Obra de Atocha (A Coruña).

Xa, na segunda, o programa mostrará como son os CEIP de

Sarreaus (Sarreaus), Bandeira (Silleda), Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel), Esteiro (Ferrol), Rosalía de Castro (Lugo), Xanceda (Mesía), Figueiroa (A Estrada) e Nosa Señora do Carme (Calvos de Randín).

Estes 16 centros forman parte dos 64 que participan, desde o vindeiro luns 21 en Xiz, un espazo que se emitirá ininterrompidamente de luns a venres, ás 20.15 horas ata a gran final, o 21 de xuño. Xiz, unha das apostas de V Televisión para esta temporada é un programa protagonizado por nenos e orientado a toda a familia, que poderá participar desde casa.

A súa mecánica é sinxela. En cada espazo concursarán dous centros galegos, que terán dous representantes cada un deles. Haberá sete probas, que van desde os coñecementos da actualidade, o dominio da lingua, ata un percorrido visual por Galicia, entre outras. Nestes xogos os concursantes acadarán unha serie de puntos. O que logre máis pasará a seguinte rolda e continuará nas probas eliminatorias ata chegar a gran final do mes de xuño. No proceso de elaboración das preguntas participou un equipo de orientadores e pedagogos. A base destes cuestionarios está nos libros de texto que utilizan os alumnos nas súas clases de cuarto, quinto e sexto de primaria, xa que eles son os grandes protagonistas de Xiz.

Máis información na páxina web www.xizoconcurso.es