A xanzá galega, unha planta máis singular do que parece

Francisco Albo
fRANCISCO aLBO QUIROGA / LA VOZ

LUGO CIUDAD

As peculiaridades locais da especie son estudadas na montaña lucense

12 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A variedade galega da xanzá (en castelán genciana), unha coñecida planta medicinal de alta montaña, non se diferencia só pola súa coloración das que medran no resto da Península e do continente, segundo unha investigación que leva a cabo un equipo científico da Universidade de Santiago. As poboacións autóctonas do noroeste tamén presentan outras singularidades biolóxicas, que afectan á relación da planta coa fauna e a aspectos morfolóxicos como o tamaño das flores.

A finalidade deste proxecto de investigación -dirixido por Javier Guitián, responsable da Estación Científica do Courel- consiste en determinar por que as poboacións galegas desta planta teñen unha cor diferente de todas as demais. As flores da xanzá común (Gentiana lutea) son amarelas, mais as colonias do noroeste peninsular presentan outra coloración, entre vermella e laranxa, o que levou aos botánicos a clasificalas nunha subespecie diferente, denominada Gentiana lutea aurantiaca.

Con este obxecto, os investigadores seleccionaron para o seu estudo unha serie de poboacións de ambas variedades, situadas nas serras do Courel e os Ancares e en diversos puntos da cornixa cantábrica. Os primeiros resultados da investigación -que durará dous anos máis- indican que a diferenza non se debe aos distintos tipos de terreo, xa que se encontraron poboacións das dúas clases tanto nos solos ácidos como nos calizos.

Segundo explica Javier Guitián, «a diferenza parece ter máis relación coa interacción entre as plantas e os animais polinizadores, porque o que estamos vendo é que cada unha das variedades é polinizada por distintas especies de insectos».

Os investigadores tamén detectaron outras diferenzas entre ambas subespecies que non foran estudadas ata agora. «A variedade occidental ten as flores e os pétalos máis grandes, entre outros detalles morfolóxicos diverxentes», apunta Guitián a este respecto.

Análises químicas

Nos próximos meses, o equipo realizará análises de laboratorio das dúas variedades para averiguar se os seus compoñentes químicos tamén son diferentes. Outros aspectos que serán investigados durante os próximos meses son os mecanismos de difusión e reprodución das sementes e as relacións destas plantas cos herbívoros, tanto os insectos como outras clases de animais. Todas estas cuestións son aínda moi mal coñecidas, xa que ata agora esta especie foi moi pouco estudada no seu medio natural.