Achádego volve representar «Aulularia» dez anos despois

La Voz

LUGO CIUDAD

15 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O grupo lucense de teatro Achádego representara hai dez anos a comedia de Plauto Aulularia. Agora que se conmemora o décimo aniversario da declaración da Muralla de Lugo como patrimonio da humanidade, a citada compañía quere sumarse a esta celebración, e volverá representar a mesma obra dez anos despois. A cita será mañá ás oito e media da tarde no auditorio municipal Gustavo Freire. A entrada é de balde ata que se complete o aforo.

Para a presidenta de Achádego, esta peza xurdira daquela do «reto de presentar unha obra romana, que achegase un gran de area máis á morea de iniciativas encamiñadas a apoiar a candidatura da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. Escollemos unha das obras máis famosas de Plauto, unha das primeiras revisións teatrais do mito do avaro, que fora traballado anteriormente en Maxia vermella».

Escenografía aberta

Antón Sampaio, director de Aulularia, fala dunha obra de «escenografía aberta, inspirada nun teatro romano, cun centro de columnas semicirculares de máis de cinco metros de altura (reducido á metade en escenarios pequenos)».

A peza de Achádego participara no ano 2000 con grande éxito na primeira Mostra de teatro clásico de Lugo, na que actuaban grupos profesionais. Por outra parte, acadara o primeiro premio ao mellor espectáculo na segunda Mostra de teatro afeccionado de Cabana de Bergantiños; mentres que Antón Sampaio, que encarnaba o papel de Euclión, conseguira o premio ao mellor actor. A obra de Plauto representada polo grupo Achádego tamén fora seleccionada para participar en Santiago de Compostela no primeiro Festival de teatro afeccionado Agustín Magán.

Unha década despois de acadada a distinción de patrimonio mundial para o milenario monumento lucense, Achádego Teatro considera que o mellor xeito de festexalo é volvendo escenificar esa peza clásica de Plauto, da que o público poderá volver disfrutar.