Cultura debe de dar resposta a varios asuntos pendentes

Adolfo de Abel Vilela LUGO/LA VOZ.

LUGO CIUDAD

Outros centros romanos reforzarían o turismo e a economía nunha cidade dependente dos servizos

13 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Lugo ten unhas grandes posibilidades na creación e desenvolvemento de produto turístico, de maneira que aínda é posible crear máis centros de interpretación. O primeiro deles podería ser a exposición temporal Imago Antiqua, Lugo Romano que formou parte das actividades organizadas con motivo da candidatura da Muralla para Patrimonio da Humanidade, que se converteu nunha exposición permanente e que conta con catálogo e folletos.

Falouse no seu momento da musealización dos importantes restos das termas que apareceron no ano 2000 nas obras de ampliación do Balneario, da basílica paleocristiá que apareceu no 2005 no solar inmediato ao Círculo das Artes, con quen Cultura asinou un convenio, e que se pensa facer co complexo arqueolóxico das inmediacións da Porta Miñá, que a Consellería de Vivenda e Solo do anterior Goberno quería utilizar como reclamo turístico, e a casa torre medieval adquirida pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo para destinala a Centro de Estudios do Camiño e de Atención ao Peregrino.

Estes son temas que agora son competencia da Consellería de Cultura e Turismo. O seu titular, que leva máis dun ano no cargo, aínda non visitou Lugo, e o director xeral de Patrimonio fíxoo por primeira vez o pasado día 26 de maio como convidado para asistir á inauguración do edificio Museo e Casa do Coñecemento da Universidade, cuxa musealización dos restos arqueolóxicos está parada, cando xa tería que estar aberta ao público como estaba previsto, mais tendo en conta que o turismo aumenta cando é Ano Santo. Os lucenses agradeceriamos que estas autoridades nos dixeran que pensan facer con todo isto e cando.

Sala Porta Miñá

A primeira exposición arqueolóxica que se fixo para dar a coñecer aos lucenses algunhas das pezas que apareceran nas escavacións dos aparcadoiros subterráneos e os mosaicos de Armañá, abriuse a finais de maio de 1987 no edificio do Cárcere do Partido. Tivo máis de quince mil visitas.

Rehabilitado o antigo matadoiro para Sala de Exposicións cando Vicente Quiroga era alcalde, decidiuse trasladar alí algúns dos materiais recuperados para unha nova exposición. No ano 2000, entre as actividades programadas para apoiar a candidatura da Muralla para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, montouse unha exposición co título Imago Antiqua, Lugo Romano.

Fíxose unha nova montaxe e elaborouse un discurso que explica a evolución da cidade desde a fase campamental ata a chegada dos suevos. Con bo criterio, a finais do ano 2000 o Concello decidiu que quedase como exposición permanente, pero dez anos despois a exposición necesita uns retoques, actualización e sintetizar a información con textos máis breves, en galego, español e inglés, remitindo ao interesado en saber mais a unha pantalla táctil onde poida ampliala ou a un sistema de pantallas onde se proxecten vídeos, similar ás que hai no Centro Arqueolóxico de San Roque, nos que se explicasen algúns aspectos da vida urbana.

A transformación desta exposición nun Centro de Interpretación do Lugo Romano, sería moi oportuna porque dá unha visión do que foi a cidade romana contribuíndo, pola súa proximidade, a contextualizar o complexo arqueolóxico das inmediacións da Porta Miñá, servindo de unión a un posible itinerario romano entre a cidade e as Termas, recuperando algún dos xacementos arqueolóxicos de alfares detectados en catas que se fixeron na zona do Regueiro dos Ortos. O concelleiro responsable de Turismo debería incluír esta exposición nos itinerarios de visitas guiadas, imprescindible para que o turista se faga unha idea do que foi Lucus Augusti.

Falta de iniciativa

Esta lentitude exasperante na toma de decisións, evidencia unha falta de interese por temas que, ademais da súa transcendencia cultural e histórica, son fundamentais para o desenvolvemento do turismo na cidade, e sobre todo, denotan unha falta de xestión das administracións responsables nesta materia. Tamén se ve falta de iniciativa por parte dos grupos políticos, que cando están na oposición deberían azuzar ao que ten o poder a través de iniciativas parlamentarias ou doutro tipo sobre estas cuestións.

Á vista desta inanición alguén debería pedir ao responsable da consellería de Cultura e Turismo unha resposta que se concretase nun plan de actuación. Os lucenses preocupados por estas cuestións queremos saber que pensan facer, con prazos de execución reais, e para que as promesas sexan cribles, con partidas incluídas nos orzamentos, e un seguimento por parte da oposición para que se cumpran. Cada vez nótase máis a falta dunha Fundación que se ocupase da recuperación, posta en valor e difusión do noso riquísimo patrimonio. Espérannos anos moi duros economicamente e por iso o impulso do turismo nunha cidade como Lugo, que vive basicamente do sector terciario, sería unha forma de dulcificar a crise.