Medio Rural presentou en Lugo un estudo que ofrecerá datos de testaxe de touros para cruce industrial

La Voz LA VOZ/LUGO.

LUGO CIUDAD

29 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Consellería de Medio Rural esta a desenvolver un estudo sobre o cruce industrial en Galicia, coa finalidade de pór a disposición dos gandeiros información fiable das principais razas e touros de aptitude cárnica con presenza no mercado. O obxectivo último perseguido é a elaboración dunha oferta de sementais perfectamente testados para o seu emprego en cruce industrial, e a súa posta a disposición dos produtores de leite. A execución deste proxecto farase empregando os datos recollidos en explotacións en control leiteiro oficial.

Os resultados obtidos deste estudo pioneiro, un dos poucos programas no mundo que ofrecerá datos de testaxe de touros de carne sobre vacas frisonas, permitirán solventar a falta de información que existe a día de hoxe no campo en relación as características dos touros de razas cárnicas. Ademais, os resultados beneficiarán particularmente aos criadores de Rubia Galega, que disporán dos datos imprescindibles para o deseño dunha oferta atractiva de sementais para cruce industrial, feito que axudará a consolidar a súa posición no mercado galego de seme e abrir mercados exteriores.

O estudo «Cruce industrial da raza frisona con rubia galega e outras razas de aptitude cárnica» foi presentado onte polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, nas dependencias de Xenética Fontao en Lugo. Tamén asistiron ao acto o director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, e os presidentes de Acruga e da Federación Frisona Galega