Cultura empeza a avaliar as propostas para construír o Museo da romanización no cuartel de San Fernando

La Voz

LUGO CIUDAD

04 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Un xurado formado por profesionais de recoñecido prestixio e técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; o director xeral de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel; e o alcalde de Lugo, José López Orozco, reuniuse onte no Centro Galego de Arte Contemporánea para comezar a avaliación das setenta propostas do anteproxecto para o concurso internacional do que sairá o proxecto de construción do Centro de interpretación e Museo da romanización no cuartel de San Fernando da capital luguesa.

Dado o número e calidade dos anteproxectos, dende a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recoñecen que o equipo encargado da decisión tardará uns días en pronunciarse. En calquera caso, esta Dirección Xeral traballa coa previsión de que antes de finalizar o 2010 o proxecto do cuartel estea redactado e presentado, e co obxectivo de contratar as obras ao principio do ano 2011.

Para este concurso os aspirantes tiveron un prazo de sesenta días para redactar as súas propostas, optando a tres premios e dous accésits, sendo o primeiro premio de 50.000 euros, o segundo de 10.000 euros e o terceiro de 5.000, estando os accésits cifrados en 2.500 cada un. O prazo para a presentación de propostas do anteproxecto rematou o pasado 5 de abril.

A finais do ano 2008 o Concello de Lugo, propietario do cuartel de San Fernando, púxoo a disposición da Consellería de Cultura para levar a cabo investigacións e toma de datos do monumento. Tras coñecer o estado do edificio realizáronse varias actuacións para frear o avance do deterioro das súas estruturas. En pequenas reparacións, traballos de documentación e estudo das instalacións a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural investiu máis de 140.000 euros.

O cuartel de San Fernando ten a consideración de Ben de Interese Cultural coa clase de monumento dende o 24 de xullo de 2009. A Consellería de Cultura e Turismo destina nos seus orzamentos deste ano un total de 400.000 euros para a celebración do concurso internacional de anteproxectos e honorarios do posterior proxecto básico de execución e dirección de obra.