Unha vida pegada ao ensino sen deixar de lado achegas á cultura barbancesa

La Voz

LUGO CIUDAD

26 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Xesús Costa Rodil naceu en xaneiro de 1944. Comeza a escola pública en Cervo, en 1950. Aos trece anos, empeza a estudar o bacharelato laboral, no instituto de Ribadeo, a uns corenta quilómetros do seu lugar. Levantarse ás seis e media da mañá, ir ata a estrada xeral por camiños enchoupados para coller o autobús e chegar sobre ás nove ao instituto. Sempre será imborrable a súa gratitude ao sacrificio de seus pais, da súa familia. Nas vacacións, traballaba nos labores do campo.

A carreira de Maxisterio iníciaa en Lugo no curso 1963-64. Como é bolseiro, forzosamente ten que residir no Colexio Menor de Xuventudes Eijo Garay. Aquí conviviu con Fernando Ónega, Xesús Rábade Paredes, Fernando Salgado, Xesús Pérez Varela, etcétera. Un dos seus profesores na Escola Normal de Maxisterio será Xesús Alonso Montero.

Aproba a oposición de Maxisterio no ano 1967 e é destinado ás terras do concello de Ribeira de Piquín, percorridas polo río Eo e un dos seus afluentes, o río Rodil. Preto, pois, da Fonsagrada.

Fai a Mariña, en Ferrol. Ano e medio de mariñeiro raso. Aproveita para matricularse en Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. En setembro de 1969, solicitando excedencia no Maxisterio, incorpórase, como subdirector de colexio, ao internado da Universidade Laboral de A Coruña. No ano 1972 decide reingresar, e procura escolas preto de Santiago. Así, é nomeado mestre propietario do Colexio Nacional Mixto de Rianxo.

Concluirá os estudos universitarios e presentará a tese de licenciatura sobre o Antigo Réxime na xurisdición de Rianxo, no ano 1981. Organizará as observacións meteorolóxicas no colexio en 1978, deporte escolar; participará en cursiños de lingua e literatura galega, nas actividades de Galicia viva (presidida por Avelino Abuín de Tembra), en actos culturais dos concellos, na revista da Guadalupe, en traballos de adaptación a Galicia para Primaria e Secundaria da área de Ciencias Sociais, en xornadas de Historia, investigacións sobre Campos de concentración, e publicacións no suplemento Barbantia.