«Estamos en contra do pailanismo que desvaloriza o propio polo alleo»

Carlos Vázquez

LUGO CIUDAD

Xunto a Carmen Blanco vén de presentar un número da revista «Unión Libre» dedicada a lugares do mundo

05 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) ocúpase canda a súa dona Carmen Blanco (Lugo, 1954) da coordinación xeral da revista Unión Libre, que vén de presentar esta semana o seu número 14 na Galería Sargadelos da cidade amurallada. Editada por Edicións do Castro, esta publicación monográfica, que comezou a vivir hai xa quince anos, fala de Lugares do mundo e conta coa colaboración de ámbos os dous citados, da ensaísta María Lopo e das poetisas Olga Novo e a escocesa Meg Bateman.

O volume tamén dá acollida á cantautora bretoa Nolwenn Korbell. Nelo, a profesora norteamericana Diana Conchado trata sobre Nova York e hai unha achega ao proxecto vital da bailarina alemá Regina Goerger.

Os collages da ilustradora Sara Lamas e as fotografías de Natalia Regueiro completan estes Cadernos de vida e culturas que Claudio Rodríguez -director da Cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente- explica nesta entrevista.

-O título semella convidarnos a unha viaxe sen pechaduras. ¿Foi esa a intención dos redactores?

-Foi. Os lugares son de todos mentres que a patria, o Estado ou incluso a nación enténdense como conceptos excluíntes dos que sempre se apropia alguén.

-¿Estes «Lugares» son de aquí, de acolá ou de máis alá?

-Son de todos eles. O monográfico fai unha pequena volta ao mundo en torno deste concepto que nos parece máis laico e aberto ca outras palabras máis ideoloxizadas.

-A casa de partida sempre é Galicia pero as ventás permiten mirar en todas direccións.

-Así é. Somos de aquí e valoramos o propio sen menoscabo do alleo. Estamos tanto en contra do pailanismo que desvaloriza o propio polo alleo como do chauvinismo que despreza o alleo polo propio. En ambos casos hai unha distorsión da apertura mental coa que se debería observar o mundo.

-¿«Unión Libre» é algo máis que unha revista?

-É unha publicación multicultural que trata sobre temas universais, en galego e dende unha perspectiva galega.

-Cun compromiso claro.

-Hai unha obriga nidia cos valores que nos parecen esenciais: paz, xustiza, liberdade e memoria.

-¿Cando e como veu a existir a idea que tiñan?

-A revista naceu hai 15 anos logo da necesidade de artellar unha proposta de vangarda no ético e no estético.

-Unha obra na que participan...

-Persoas sempre vencelladas a Galicia que residen aquí ou o fan noutros escenarios. Por iso a revista é multicultural, proba diso é a internacionalidade tanto do comité de redacción como dos colaboradores, que xa suman máis dun cento.

-Dende o seu despacho da Facultade de Humanidades de Lugo obsérvase o río Miño. ¿Cara a onde transcorrerá o Miño da revista «Unión Libre»?

-Cara todo aquilo que suscite o noso interese. Este é un proxecto apaixonado que se afasta do academicismo doutras edicións, como pode ser Moenia [da que tamén é director]. De aquí en diante continuaremos combinando a imaxe coa palabra e en plena sintonía co seu editor, Isaac Díaz Pardo, un home integral de imaxe e texto.