«Co 'bookcrossing' aos libros dáselles máis vida»

Y. García

LUGO CIUDAD

Esta iniciativa xa coñecida estréase na Mariña da man da asociación de veciños ribadense

28 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O profesor Antonio Gregorio Montes (Vilalba, 1957) propuxo á Asociación de Veciños O Tesón de Ribadeo, colectivo do que é secretario, unha iniciativa interesante, xa coñecida noutros rincóns, que hoxe arranca ás 20.00 na OMIC. Alí haberá esta tarde a primeira «solta de libros», como se pode traducir da expresión bookcrossing, co que se invita a todos os lectores interesados a ir por alí, deixar ou coller un libro (Gregorio Montes levará 50) que pode «acabar en calquera recuncho do mundo», explican. De feito, hai unha páxina web (www.bookcrosing-spain.com) onde se rexistran e se vai seguindo o seu camiño.

-¿De onde partiu a iniciativa de hoxe en Ribadeo?

-Si, a iniciativa en principio sae de min, pero o primeiro que tiven que facer foi mover a alguén para non estar so aí. Movino cara a Asociación de Veciños O Tesón, pareceulles ben e déronlle o apoio, e despois por cuestión do sitio e de facer unha dinamización superior tamén me puxen en contacto co Concello de Ribadeo, que fixo a convocatoria.

-O «bookcrossing» non é novo, pero na Mariña, ¿é a primeira vez que se fai?

-Funciona a nivel mundial. En Lugo capital hai tres sitios onde hai libros, tamén por Oviedo, pero en A Mariña non hai unha cousa así. E pode facelo calquera.

-¿Que busca a iniciativa?

-O que se persigue é dinamizar uns libros que doutro xeito estarían parados, sen vir a conto. Para esa dinamización hai que poñelos en común, por así dicilo, dalgún xeito desprenderse deles. A cuestión e que estean nun sitio e os poda utilizar calquera.. Se poden rexistrar na web para dicir onde está, pero a xente tamén pode levalo a calquer sitio sen ningún tipo de burocracia. É algo voluntario e que se vai estendendo. Así o libro non perde a súa función. Que sirva, é o obxectivo. Non é unha competencia para bibliotecas municipais, é outra cousa. No momento en que o pillas é coma se fora teu. Quizais os libros estean menos coidados e acaben sen tapas, pero... bueno, se un libro foi lido por dez persoas tivo máis vida que outro que so o leu unha vez unha persoa.