Un afluente de moita sona

Xaime López Arias

LUGO CIUDAD

O río Sarria da nome a unha comarca do sur lucense que atravesa case na súa totalidade perante os case 60 quilómetros que ten de longo percorrido

04 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O río Sarria, que deu o seu nome a unha terra, un condado, unha vila, un marquesado, unha xurisdición, un concello, unha comarca, dous mosteiros, varias parroquias e un partido xudicial, é un afluente do Neira, río este que verte as súas augas no Miño.

O Sarria fórmase coas augas que baixan dende os montes da Meda, Oribio e Albela, no concello de Triacastela, e logo de atravesalo concello de Samos, entra no de Sarria, e deixa á beira terras de Láncara e de O Páramo, para entroncar no río Neira, entre Moscán e A Pobra de San Xiao. Atravesa a terra de Sarria pola súa parte central.

Este río de 57 quilómetros de lonxitude e 309 quilómetros cadrados de bacía, nace de varios regueiros e vertentes dos montes de Meda, da Albela e Serra de Oribio, que reunidos pasan polo norte de San Cristovo do real, Santiago de Renche e San Martiño do Real, continuando o seu curso polo sur de Samos e leste a oeste ata o termo de Castroncán. Desde aquí cambian ao norte e circundando Lier polo este, norte e oeste baixan ao suroeste, e entremedias de Frolláis e Fafián diríxense ao norte buscando a ponte de Sarria, por entre Farbán e Fontao, e deixando á esquerda a capital do partido marchan rodeando Santiago da Veiga e seguen ano noroeste ata San Pedro de Ronfe, parroquia que deixan a dereita.

Finalmente o Sarria pasando por entre Vilafiz e Viance vai a unirse ao Neira, despois de pasala ponte de San Xiao da Pobra, freguesía que queda a dereita. No seu curso agregánselle varios regueiros e ríos, mais o único notable é o Celeiro (antigamente Barbadelo), que baixando de Froián e A Chanca pasa ao oeste de Sarria e entra no río Sarria un pouco más abaixo da ponte de Vilar de Sarria, na Veiguiña, no termo de San Martiño de Requeixo.

Elemento vertebrador

Beira do río Sarria están as capitalidades dos concellos de Triacastela, Samos, Sarria e Láncara, dándolle así o carácter de elemento definidor e vertebrador da comarca.

A bacía do río Sarria comprende a totalidade das parroquias do concello de Triacastela, un número considerable das dos concellos de Samos e Sarria, unha poucas de do Láncara, dúas de O Páramo, e uns pequenos anacos de terreos do concello de O Incio.

Estas parroquias que en todo ou en parte verten augas ó río Sarria son:

Triacastela: Toldaos, Alfoz, Monte, A Balsa, Lamas, Cancelo, Vilavella e Triacastela.

Samos: San Cristovo do Real, Renche, San Martiño do Real, Freixo, Lóuzara (Lampazas), Samos, Carballo, Montán, Zoó, Lousada, Romelle, Loureiro, Pascais, Couto, Castroncán, Formigueiros, Soñide, Teivilide, Reiriz, Estraxiz e Frolláis.