Unión Libre dá voz ás vítimas do 36

Carlos Vázquez

LUGO CIUDAD

A revista inclúe unha nota escrita desde a prisión polo alcalde Francisco Lamas onde se cita a detención de Rafael de Vega, que conta tamén cun apartado especial

02 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O número 13 da revista Unión Libre, cadernos de vida e culturas , que leva por título A voz das vítimas do 36 (Edicións do Castro), inaugura as súas páxinas cunha dedicatoria á figura de Manuel Sarille Lanceiro, colaborador da revista e presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, que faleceu o 25 de maio.

Foi el quen despois de asistir a un acto como o repetido o pasado luns na Galería Sargadelos, propuxo a formación desta asociación que promete continuar na súa ausencia. «Seguiremos no camiño da dignificación que iniciou Manuel Sarille», aseverou un emocionado Claudio Rodríguez Fer diante do fillo daquel á conclusión dunha convocatoria que principiara o poeta con Paz para sempre: «Perseguíronos con saña./Detivéronos con sevicia./Torturáronos con sadismo./Encarceráronos sen causa/.Xulgáronos sen xustiza./Paseáronos sen piedade./ Así os mataron».

Fer precisou que nesta nova edición, presentada canda as escritoras Carmen Blanco e María Lopo, «xa non falan os historiadores senón as propias vítimas». O volume conta con cinco grandes apartados: As vítimas do 36 en Galicia, A Coruña abafada, Lugo de loito, Vigo e Pontevedra baixo a bota e Memoria da memoria.

No apartado referido a Lugo inclúese un epígrafe abondo elocuente como é Cartas na prisión : «Los que van a morir os saludan». Esta frase tan aterradora, recuperada naquel momento do caixón da historia polo xoven mestre José Ramos, radiografía cal era o sentimento da xente que da noite para a mañá foi detida e desposuída en moitos casos das súas pertenzas e mesmo da propia vida.

Á carta de Ramos engádense neste Vítimas do 36 outras redactadas por Ángel Pérez López (industrial) e Perfecto Abelairas (practicante), ademais dunha nota, case notarial, asinada por Francisco Lamas, elixido democraticamente como alcalde de Lugo.

O manuscrito, aportado para a revista por Elvira M. Melián, nora de Lamas, relata como a primeiras horas daquela madrugada do 24 de xullo de 1936 foi conducido ao cuartel de San Fernando canda Roberto Ouro, anque xa pouco despois encontraríanse alí con Luis Peña Novo e Avelino López Otero.

Eran as sete da mañá cando ingresaron no mesmo cárcere a Rafael de Vega Barrera (director do hospital provincial) e horas despois sería o gobernador civil, Ramón García Núñez, quen tamén quedaba preso. Todo parecía estudado á perfección.

O falso xuízo a sete rematou con cinco mortos: Abelairas, Ramos, Pérez López, García Núñez e de Vega Barrera, foron asasinados. Sómente Castelo e Lamas puideron librar de morrer fusilados contra a tapia do antigo cemiterio, o último a cambio da cadea perpetua.

Estudos e cursos de verán

Claudio Rodríguez Fer -quen axiña comezará a impartir clases na Universidade de Bretaña-Sur-, recordou a xeito de resumo que a revista ten publicado dous volumes monográficos recollendo o traballo dos especialistas que máis fixeron polo tema da dignificación das vítimas. E lembrou que tanto el como a súa muller, Carmen Blanco, dirixiron e participaron en dous cursos de verán sobre a mesma cuestión.

O primeiro, celebrado en Lugo en 2007, contou coa presenza entre outros de Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero, Xosé Luis Axeitos, María Xesús Souto Blanco, Luis Lamela e Dionísio Pereira, mentres que o segundo (2008) desenvolveuse en Monforte e centrou a súa mirada nas mulleres de linguas minorizadas. Interviron as escritoras galegas Olga Novo, Teresa Moure, María Lopo, tamén Pilocha, a gaélica Meg Bateman e a bretona Nolwenn Korbell entre outras, anque houbo unha dedicatoria especial para Consuelo Alonso, unha monfortina que se dedicaba a vender xornais.

A «Comunista», que como subliñou entón Fer nunca unha arma collera, tiña catro fixos e un marido en situación precaria, pero non impediu que a raparan e despois executaran. Nesa homenaxe, Claudio Rodríguez Fer recitou por primeira vez en público o poema «E aínda lle chaman a Comunista», dedicado a Consuelo; feito do que deu boa conta a edición local de La Voz de Galicia e así aparece recollido nesta última edición de Unión Libre.