Este mércores inaugúrase a Casa Maiorga, en Ferreira de Pantón, rehabilitada coa axuda do consorcio da Ribeira Sacra
19 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.En torno ás seis da tarde de mañá será inaugurado en Ferreira de Panton o espazo turístico Casa Maiorga, que conta cun mesón bar, unha zona de recreo, un pantalán e unha pequena praia fluvial. O consorcio de turismo da Ribeira Sacra asumiu o deseño e subministro do equipamento do local, dentro do seu plan de dinamización turística. As labores de rehabilitación do conxunto turístico de Maiorga comezaron o pasado ano tras a firma dun convenio entre a Dirección Xeral de Turismo e o Concello de Pantón.
Entre as distintas iniciativas levadas a cabo polo consorcio turístico, destaca a posta en marcha a comezos de xullo, e por segundo ano consecutivo, do ViñoBus, un servizo de autocar no que os turistas poden descubrir a través de excursións de medio día o patrimonio, a paisaxe e a gastronomía da Ribeira Sacra. A xerente do consorcio, Beatriz Martínez, afirma que a acollida deste servizo está sendo boa, rexistrándose un incremento sensible respecto ao ano pasado. «Este ano produciuse unha variación curiosa e é que están funcionando mellor as rutas de Lugo que as de Ourense, a diferenza do ano pasado» sinala a xerente do consorcio e engade «os turistas marchan encantados coas excursións organizadas nos distintos concellos lucenses e ourensáns».
Beatriz Martínez indica que dende o consorcio están traballando no equipamento do Museo do Viño e nas propostas de distintas empresas para a habilitación do edificio multidisciplinar de Chantada, que contará cun museo e unha sala cultural destinada a exposicións e cursos. Tamén comezaron a enviar as primeiras invitacións para as propostas para o centro de recepción e atención de visitantes en Sober, que terá como fin atender aos turistas que se acheguen a Ribeira Sacra. Outro programa que está en marcha é a sinalización do Camiño de Inverno, que se iniciou o 30 de xullo coa colocación dos primeiros sinais.
Entre os proxectos previstos nos próximos meses figura a promoción da Ribeira Sacra nas sete cidades galegas, que se levará a cabo mediante a instalación dunha lona informativa en cada unha delas. «En brevecomezaremos co expediente da sinalización turística, coa que pretendemos homoxeneizar a sinalización co fin de crear identidade de destino turístico», explica Beatriz Martínez.