Leva recollidos premios como o María Casares e unha das súas obras, «Bicos con lingua», pasa das 250 representacións. Este mes Talía celebra o seu 20 aniversario
13 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Hai un xesto que un fai de modo automático cando vai a reunirse con Artur Trillo Sendón (Niñóns, Buxantes-Dumbría, 1968), tras varios anos en contacto con el: apagar o móbil. É para unha entrevista, non para velo actuar, pero hai algo nel que o identifica co teatro e co respecto que lle ten. Cabréase cando sona un teléfono durante unha representación. Non permite cámaras ni flashes cando está en marcha unha obra. Non hai lugar no seu traballo para os que chegan tarde ao teatro. Puntual e silenciado, o xornalista cítase con el na súa segunda casa: o salón de actos do Concello de Cee. Acaba de rematar un ensaio. Buscamos sitio para sentarnos. En toda a sala só hai unha mesa e dúas cadeiras. Están no escenario. El mesmo acende os focos. Que mellor lugar para falar con Artur Trillo.
-¿E como se fai para que un neno de Buxantes consiga facer do teatro a súa vida?
-O teatro é destas cousas que primeiro é unha afección e que vai de maneira progresiva. Aos dez anos fun a estudar a Cee, ao colexio Eugenio López, e de aí vén o meu primeiro contacto co teatro. Había certo profesorado con inquedanzas, como Ramón Vázquez. Meteunos o gusanillo a unhas cantas persoas. Xa alí faciamos títeres e teatro. Logo seguín a obra por ano no Agra de Raíces, tamén con profesores como Manolo Míguez ou Lisardo Varela. En COU xa escribín, dirixín e protagonicei. Foi unha idade dun afán de protagonismo desmesurado no que un se sentía autosuficiente e capaz de todo. O que valoro hoxe daquela época é ser capaz de tomar as rendas de algo. -Pero cando rematou o instituto Artur Trillo aínda non tiña claro que o teatro sería o seu medio de vida. -Cando acabei matriculeime nunha carreira, como todos. Fun a Santiago a facer Filoloxía Galega. En Santiago empecei a ver teatro. Naqueles tempos reinaugurouse o Principal e gastaba unha pasta asistindo ás funcións. Foi unha etapa de espectador, de toma de contacto con aquel mundo. Na facultade montouse un grupo de teatro e fixemos dúas obras, no 87 e no 88. -E xa entón apareceu Talía Teatro. -Constituíuse en xullo de 1988. Eu era un fuguillas. Non paraba. Falei con tres ou catro persoas, con Estevo Creus, con Chelo Romero, Seve Pérez. Decidimos ensaiar unha obra. Ese mesmo ano pedimos unha subvención para facer a primeira Mostra. Estreamos O rei aborrecido , de Xesús Pisón. -Mentres outros descansaban no verán, Artur Trillo non paraba. -De feito ese mesmo verán pedinlle a unha profesora do Eugenio López, Concha Blanco, que nos deixara falar cos nenos para facer un grupo de teatro. Apuntáronse sete ou oito e fixemos un taller. Ao día seguinte eran uns 20. E con eles creamos Doidos, unha compañía de nenos, unha especia de canteira de Talía. Naquel grupo estaban David Creus, Roberto Blanco e Toño Casais. Toño é o único que segue no mesmo. -¿Como organizaban o traballo? -Ensaiabamos todos os días do verán, incluso na Xunqueira, de sete a once da noite. Con aquel grupo de rapaces montamos en Cee, no 91, Historia dunha escaleira , de Buero Vallejo, cunha escenografía carísima. E seguiamos con Talía. -¿En que momento o teatro pasou a ser o único obxectivo? -É algo que empeza a absorberte dunha maneira que non es capaz de controlar. Por aquela montamos, con Mari Couto e Roberto Salgueiro, Ai, Carmela , chegamos a 68 representacións. No 94 xuntamos Talía e Doidos, porque aqueles nenos xa medraran. Con T.W.C. gañamos o primeiro premio no Certame da Xuventude de Lugo. -¿E cando aquela afección se converteu nunha profesión? -No 96 decidimos ser profesionais. Compramos o primeiro furgón. Naqueles anos o teatro foi unha obsesión para min (jodida obsesión, dirá logo), tiña os apuntes da carreira cheos de escenografías mas marxes. -E sempre en Galicia. ¿Nunca pensou na televisión ou en outras latitudes? -A tele gústame e interésame, e no económico é moi cómoda, pero hai que ter unha actitude que eu non teño, apuntarse a cásting, mandar currículos. Dáme moita vergonza ensinarme. E se fixera tele non deixaría o teatro. Ademais, síntome ben coa miña parceliña, vivir é que vaian aparecendo cousas e as vaias capeando. Estou nunha fase crítica, sen grandes ilusións. Non hai necesidade de facer castelos no aire.