Pola memoria da «Comunista»

Carlos Vázquez

LUGO CIUDAD

Rodríguez Fer fixo un chamamento aos monfortinos para que informen e poñan cara a Consuelo Alonso, fusilada en 1938

11 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A penas sabemos quen foi nin podemos poñer aínda cara a Consuelo Alonso. O que si coñecemos é que en 1936, esta monfortina de ascendencia asturiana, mai de catro fillos e co marido no paro por ter sido cesado no seu emprego, foi detida e humillada polo incipiente franquismo.

Despois de rapala como se lles fai ás ovellas, deixárona ir, anque o seu respiro duraría pouco tempo. En 1938, alguén a denunciou de novo e volvería a ser encarcerada, esta vez en Lugo, para posteriormente ser fusilada sen compaixón algunha.

Consuelo Alonso, alcumada como A Comunista, non tiña ascendencia social ou política que a situara en perigo nin tampouco era culta nin nunca colleu as armas. En realidade, Consuelo era unha muller «desarmada». Así o explicou o profesor e estudoso Claudio Rodríguez Fer no día no que o curso de verán que organiza a USC -e dirixe Carmen Blanco- dedicaba un apartado ás voces acaladas e expatriadas.

Iso é case todo o que se sabe desta muller que se dedicaba a vender xornais na por aquel entón puxante estación de ferrocarril monfortina. Por iso Claudio Rodríguez lanzou un chamamento aos monfortinos para que aporten información sobre Consuelo, unha muller da que nin sequera se coñece a súa cara. «O obxectivo non é outro que dignificar a súa figura», subliñou o escritor, ao tempo que recordou que «non hai nestas iniciativas ningún desexo de vinganza, senón só o de honrar a quen o merece».

O tamén poeta, en homenaxe á monfortina cuxo único delito era ter ideas propias e contrarias ao levantamento encabezado por Franco, recitou E aínda lle chaman A Comunista, pertencente a un poemario inédito: Ámote, vermella.

O porque segue no aire

Descoñécese a ciencia certa por que as autoridades -ilexítimas- se tomaron tantas molestias á hora de crear un consello de guerra exclusivamente para unha muller que como outras moitas, a maioría aínda anónimas, foi vítima da inxustiza máis atroz.

A historiadora María Xesús Souto Blanco publicou na revista Unión Libre un traballo onde se preguntaba por este feito que admite varias alternativas, como recordou Rodríguez Fer.

A Souto Blanco chamoulle a atención que na mesma época na que Consuelo Alonso foi de novo detida e xulgada -nun xuízo falso onde as súas propias testemuñas da acusada acabarían testificando contra dela-, cadrou cunha serie de éxitos no bando republicano. Segundo pensa a historiadora, isto puido orixinar certo medo e desconfianza no bando nacional que quixeron mitigar con este tipo de accións exemplarizantes.

Non obstante, o profesor Rodríguez Fer tamén verteu outra opinión que situaría o suceso dentro dos crimes de xénero. Porque está claro que Consuelo non era o tipo de muller, sumisa e sen ideas, que interesaba ás novas autoridades que había nesta zona.

Toda esta exposición constituíu o nó sobre o que xirou un recital poético que Claudio Rodríguez iniciou con Memorial dos foxos de Lugo, en homenaxe a Consuelo e a todos os que foron paseados ou fusilados só por defender unhas ideas.