«Encomendáronme patear Galicia para recuperar materiais de ensino»

Benigno Lázare

LUGO CIUDAD

Este docente de Palas de Rei participou na recollida de máis de 40.000 pezas que ten o Mupega, que en menos de catro anos xa recibiu 35.000 visitas

06 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Jesús González Serén é palense de nacemento e mestre de profesión, con 15 anos de docencia, a maioría en escolas da Costa da Morte, e outros tantos en centros de formación do profesorado. Considerase membro fundador do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), creado hai oito anos pola Consellería de Educación.

-¿Que función ten o Mupega?

-Fundamentalmente a de recadar e recuperar materiais relacionados co ensino, que foi un dos traballos de campo que tiven que facer desde o principio e que, nese sentido, son cofundador. Encomendáronme patear Galicia para recuperar materiais de ensino, e incluso os expedientes profesionais de certos mestres para darlles vida a estas pezas de arqueoloxía, mostrando como se usaban e que medios había nas distintas épocas. Ao mesmo tempo, o material tamén sirve para os estudosos e investigadores xaque, por exemplo, os cadernos dos alumnos permiten coñecer como era realmente a vida escolar no pasado e, en definitiva, a cultura escolar.

-¿De que fondos dispoñen?

-Hai reunidas máis de 40.000 pezas que se poden dividir en varios fondos, porque hai uns bibliográficos e hainos materiais, como pupitres e encerados, e hai os fondos documentais, como os cadernos, que antes eran material de refugallo e hoxe están moi valorados porque, ademais, permiten ver o tipo de letra dos alumnos en cada época e o que realmente se facía.

-¿Cando comezaron a montar o museo?

-Foi no 99. Comezamos visitando escolas que se pecharan nas aldeas, ás que lles demos prioridade para evitar o deterioro e perda de materiais, pero a apertura ao público foi no 2004.

-¿Quen o visita?

-O museo está ben situado porque se atopa no Camiño Francés, na entrada de Santiago, pero o público preferente son centros educativos, para os que se fan visitas guiadas concertadas previamente, para o que na web temos formularios que poden enviarnos. Tamén hai moita xente da terceira idade, que son os que máis vivencias teñen e os que máis anécdotas contan, xerándose comparacións coas escolas ás que asistiron. Incluso moitos repiten visita e traen a outra xente porque non contaban atopar o que hai no museo. A estas alturas levamos ao redor de 35.000 visitas porque abrimos en horario de mañá e de tarde, menos o luns.

-¿Que pezas ou documentos son máis valiosos?

-Temos un Quixote escolar, do cal hai un pequeno traballo de campo e de investigación, e un manuscrito para aprender a ler letra manuscrita, un extracto do Quixote escolar que fixo un profesor de Sarria, Jesús Vázquez Saco, e nós fixemos unha reedición. Isto xurdiu precisamente cunha exposición itinerante que fixemos para darnos a coñecer, cunha aula de época para ver se o museo callaba e nos daban pezas. Durante a estancia en Lugo, alguén nos dixo que en Sarria había unha peza de coleccionista, da que hai dous orixinais, un na Biblioteca Nacional e outro en poder da familia. Tamén temos pezas valiosas, algunhas do século XIX, e unha colección moi interesante de láminas de historia, de Saturnino Calleja, ou un gran globo terráqueo que procede do Lucus Augusti, de finais do XIX.

-¿Hai algunha zona especialmente prolífica en materiais?

-A nosa meta non son as pezas moi relevantes. Aínda que, como todos os museos, gústanos presumir da xoia da coroa, o que queremos e que o conxunto sexa representativo. Incluso fomos a O Incio buscar un pupitre que era único da súa época. Dámoslle a mesma representación a un Raias escolar que a un dicionario da Real Academia, aínda que para un coleccionista non sería o mesmo.

-¿Conseguiron unha escolma de todo o que había?

-Chegamos un pouco tarde porque moitas escolas unitarias xa se reconverteran para as asociacións de veciños ou quedaran abandonadas. Tamén estamos recuperando mediante dixitalización fotografías; aquelas típicas de fin de curso, de saídas ao campo, da festa da árbore e doutros acontecementos que nos axudan a mostrar como era a vida escolar.

-¿Ademais da exposición de materiais, o museo organiza outras actividades?

-Si. Acabamos de celebrar un congreso iberoamericano de museólogos de educación, e xa fixeramos outro hai catro anos. Tamén hai actividades de divulgación.