Un abismo entre as do ferrado de pan e as de indianos

La Voz

LUGO CIUDAD

06 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A exposición permanente, Cen anos de escola en Galicia , arranca dunha moi típica, que foi a do ferrado de pan . Tamén hai exposicións temporais, e a última é unha sobre os gabinetes da Lei Moyano, con materiais educativos moi valiosos, tanto polo valor patrimonial como polo material. Actualmente está en Ourense e pronto chegará a Lugo, ao Instituto Lucus Augusti.

-¿A escola tradicional máis típica é a das imaxes dos anos 50 do século pasado?

-Hai dous mundos totalmente distintos, como no deporte, de primeira división e de segunda. As máis rurais son un modelo que dura dende finais do XIX aos anos 60, as coñecidas como do ferrado . En Palas aínda vive Manolo Santos, da Imprenta , que foi un deles e que tiña estudos, pero a maioría non os tiñan e era o veciño máis avantaxado. Logo apareceron as escolas do rei, as nacionais, que non as había en todas as parroquias. Logo había outro mundo que era na zona da Mariña, na Terra Cha, en Pontevedra, na zona de Santiago en en Palas as de Meixide e Pidre, que eran as de indianos, con mestres aos que se lles esixía acreditar méritos. Estas últimas eran de fundación e tiñan unhas normas distintas.

-¿Nas estatais houbo grandes diferenzas no contido do ensino segundo as zonas?

-Durante a ditadura os programas nas escolas estatais non tiñan unha gran diferenza, salvo a que nos marca a situación de Galicia, co seu illamento. Non me constan diferenzas salvo o desinterese estatal por facer escolas e ter mestres.

-¿Os ordenadores que aínda teñen hoxe algúns colexios poderían pasar directamente ao Mupega?

-De feito, están pasando, aínda que nestes momentos xa temos que ser restritivos e dámoslles preferencia aos que están en desuso. Incluso estamos recollendo libros porque aprendemos en propia carne que o que non se gardou no seu momento, agora é difícil conseguilo ou non se atopa.