A Asociación do Cuarto Ciclo do Campus lucense promove un ciclo sobre a historia de Lugo

La Voz

LUGO CIUDAD

01 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Este mes desenvolverase un ciclo de conferencias promovido pola Asociación do Cuarto Ciclo Universitario do Campus de Lugo sobre a historia da capital lucense a través de destacados momentos históricos. Este xoves haberá unha charla a modo de introdución, a cargo da profesora Ana Cabana Iglesias, co título de Historia dos caneiros do río Miño .

A primeira conferencia será o 10 de abril, coa participación do profesor Antonio Rodríguez Colmenero, que falará sobre a súa especialidade, o Lugo romano. Unha semana máis tarde, o día 17, Adolfo de Abel Vilela disertará sobre o Lugo medieval. A etapa da ilustración será exposta por Hortensio Sobrado Correa, o 23 de abril. E para pechar o ciclo, Antonio Prado Gómez falará sobre o Lugo do liberalismo. Tamén está previsto que o vicerreitor do campus, Carlos Herrero, participe no programa cun relatorio, aínda que a data está sen determinar.

Todas as charlas serán no salón de actos da Escola de Formación do Profesorado, ás 19.30 horas e con entrada libre para o público en xeral. O ciclo está coordinado polo profesor de Humanidades Carlos Valiña.

As conferencias foron presentadas onte polo vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino; o coordinador da asociación universitaria, o profesor Emilio Carral; e o secretario da asociación de alumnos do Cuarto Ciclo, Xosé Valcárcel.