O románico e o barroco da zona sur centrarán dous cursos divulgativos


O patrimonio artístico do sur lucense será analizado en dúas series de xornadas divulgativas que se levarán a cabo por diferentes motivos nas próximas semanas. Por unha parte, unha vintena de profesores de centros de ensino da zona tomarán parte nun curso sobre o patrimonio da Ribeira Sacra -principalmente o románico- que ten por obxectivo fomentar o uso educativo do legado histórico. A asociación lucense Lugopatrimonio, por outro lado, incluíu a Monforte nuns obradoiros que se desenvolverán en diversas localidades galegas, baixo o lema Coñecer o barroco , e nos que poderán participar ata 165 persoas.

O curso para profesores, organizado polo centro de recursos da Consellería de Educación en Monforte, comezará hoxe pola mañá cunha visita comentada ás igrexas románicas de Eiré e Atán, en Pantón, a cargo do escritor Lois Diéguez. Nas próximas xornadas -26 e 28 de febreiro e 1, 3 e 7 de marzo- realizaranse visitas guiadas ao mosteiro de Ferreira de Pantón e á igrexa de San Vicente do Pino. O programa inclúe conferencias a cargo dos historiadores Ramón Yzquierdo Perrín e Felipe-Senén López, a profesora Flora Enríquez e o párroco e restaurador César Carnero. Os responsables da organización indican que un dos obxectivos destas xornadas consiste en «fomentar comportamentos respectuosos e comprometidos coa conservación do patrimonio cultural e pór en marcha accións que permitan ampliar e mellorar o seu coñecemento».

Outras visitas

Polo que respecta ás xornadas de Lugopatrimonio, os monumentos da zona sur escollidos para realizar visitas guiadas serán a igrexa de San Vicente do Pino, o pazo museo de Tor e o mosteiro de Samos, que se efectuarán o 6 de abril. O programa de actividades comprende tamén excursións comentadas a diversos monumentos de Santiago e de Lugo, previstas respectivamente para o 8 de marzo e o 5 de abril.

As xornadas incluirán además unha serie de conferencias a cargo dos historiadores Carlos Velasco e Adolfo de Abel Vilela, o arquitecto Xosé Anxo Carreira e o mencionado restaurador César Carnero. No programa colabora tamén o historiador e arqueólogo taboadés Jaime Delgado, quen comentará as visitas aos monumentos barrocos de Santiago. O obradoiro pecharase cun concerto do grupo coral lucense Sólo Voces.

Para inscribirse neste curso terán preferencia os socios de Lugopatrimonio, aínda que tamén poderán asistir persoas alleas a esta asociación e interesadas no patrimonio cultural. No primeiro caso, a inscrición custará cinco euros e no segundo, dez.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

O románico e o barroco da zona sur centrarán dous cursos divulgativos