«A paisaxe ten que mudar dende nós, non dende intereses alleos»

Erik Dobaño

LUGO CIUDAD

López Sández reflexiona na súa obra sobre o descubrimento da paisaxe e a súa pegada no imaxinario colectivo

28 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

María López Sández vén de acadar o Premio Ramón Piñeiro de ensaio coa obra Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio. López Sández (Lugo, 1973) é doutora en Teoría da Literatura pola Universidade de Santiago e docente no instituto de Touro. Na súa reflexión empregou textos de Rosalía, Otero Pedrayo e Méndez Ferrín para trazar unha historia do asentamento da paisaxe no imaxinario colectivo galego. «Ata Rosalía, sobre todo a Rosalía dos Cantares gallegos, non había a idea da nosa paisaxe coma unha paisaxe fermosa. Juan Ramón Jiménez, falando de creacións da propia Rosalía, chegou a definir Galicia como ese mojado manicomio».

-Que teses defende no seu ensaio?

-O que trato é de mostrar coma a percepción que temos da paisaxe non é algo que ven dado en si, senón produto dun proceso cultural, unha creación social, da pintura, da literatura dun país. O descubrimento da paisaxe no XIX coincide ademais coa emerxencia dos nacionalismos. A conceptualización da paisaxe é unha condición e un símbolo para o discurso nacionalista.

-Cal é a liña que vai de Rosalía a Ferrín pasando por Otero Pedrayo?

-Elixín estes autores porque nas súas obras a paisaxe xoga un papel central. Comecei por Pondal, pero a súa forma de entende-la non callou. Rosalía é fundacional. As súas repeticións e descricións asentan a idea da fermosura da nosa paisaxe, tamén coma acto reivindicativo. Otero, xeógrafo de formación, da un paso máis nese asentamento. . E Ferrín ten o valor da actualidade, de como, mesmo nunha época de discurso posmoderno, o imaxinario territorial pode pervivir dun modo que non é inxenuo.

-De que xeito?

-A posmodernidade ten unha visión desmitificadora dos discursos identitarios, aínda que toda construción discursiva comparte esa natureza. Dende o poder, o relato dominante, atácanse os imaxinarios máis febles. Desmitificar radicalmente o imaxinario é unha tarefa revolucionaria, dicía Barthes, pero facelo so cos máis febles é servir ao poder.

-E que papel xoga a paisaxe no discurso do poder?

-As veces funciona coma mecanismo compensatorio: a beleza da muller, de Oriente, que non deixan de estar sometidos. En Galicia tamén pasou coa paisaxe. O discurso dominante preténdese racional, pero a vida cotiá poucas veces o é.

-A defensa da paisaxe sempre foi bandeira do nacionalismo.

-Porque a paisaxe galega ten sido moi maltratada. Mire o caso do eucalipto. Houbo unha especie de autoodio que nos levou a atentar contra a paisaxe.

-Non é contraditorio ese autoodio coa valoración da paisaxe que vostede resalta no imaxinario colectivo?

-No imaxinario cabe esa contradición. Por un lado está o que dicía do mecanismo compensatorio; por outro, a explotación do medio.

-E cara onde imos?

-No espazo urbano vese a intención de acoller o rural. Non vexo perigo de que todo se converta nun museo. A modernización do rural é precisa, mais con criterios de sustentabilidade. A paisaxe muda, mais ten que mudar dende nós, non dende intereses alleos.