O centro que fixo realidade o campus

Cristina López

LUGO CIUDAD

O Colexio Universitario de Lugo, do que se cumpren 35 anos da súa creación, fixo posible o que moitos crían unha utopía: que na cidade houbese unha universidade

24 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O que é considerado o verdadeiro xermolo do campus de Lugo creouse en 1972, nunha especie de nave situada na avenida de Madrid. Como correspondía a todo colexio universitario, concibido como centro que cumpría a función de desconxestionar as facultades e así poder mellorar a calidade da educación, nel aglutinábanse todo tipo de estudos, de aí que sexa considerado aínda hoxe como a incubadora das titulacións que anos despois definirían o campus lugués, tales como a de Veterinaria ou a de Agrónomos.

A construción do que logo sería o Colexio Universitario de Lugo aprobouse en 1979 e tres anos despois foi inaugurado. Os lugueses recibiron esta noticia con grande ledicia, aínda que se cadra daquela non eran conscientes de que o que para moitos era unha utopía empezaba a facerse unha realidade, como anos despois se demostrou, non en van foron moitos os que pasaron por ese centro, uns como alumnos e outros como educadores.

Foron e aínda son moitos os responsables de sacar aquel proxecto adiante. Ao recordo veñen nomes como os de Carlos Pajares Vales, reitor da Universidade de Santiago entre 1984 e 1990 ou o da propia conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, que foi unha das xefas de estudos que tivo o Colexio Universitario de Lugo. Entre os seus alumnos e máis tarde profesores atópanse o propio vicerreitor, Carlos Herrero, e o escritor Claudio Rodríguez Fer, que comezou a estudar Filoloxía neste centro en 1974 e posteriormente exerceu de profesor, cando nesas instalacións convivían Ciencias e Humanidades.

Espírito de colaboración

Circunstancias coma esas fan que o Colexio Universitario de Lugo, convertido hoxe en Facultade de Ciencias, sexa visto hoxe como un dos centros con máis aprecio de cantos hai no campus lugués, entre outras cousas porque nel conviviron estudantes das máis diversas especialidades, o mesmo que profesores, que aínda que impartían materias distintas, tiñan un propósito común: acadar o obxectivo de que este centro que agora está de aniversario saíse adiante, a pesares da falta de infraestruturas e de recursos.

É por iso que cando o orixinario Colexio Universitario deixou as naves que ocupaba na avenida de Madrid para pasar a estar emprazado preto da nacional VI e a carón do Miño, foron moitos os que viron naquel novo edificio, o mellor dos centros universitarios. Un centro que foron construíndo a base de esforzo e apoio mutuo directores, profesores, alumnos e todo o persoal que dalgún xeito ou doutro estivo vinculado a ese centro, que na actualidade ostenta con orgullo a condición de ser a base sobre a que se empezaron a levantar os cimentos do que logo sería o campus de Lugo, un campus periférico para algúns e un modelo para outros.