Un escaparate da tradición monacal da Ribeira Sacra

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LUGO CIUDAD

En directo | Popularización do patrimonio No antigo mosteiro de San Pedro de Rocas inaugúrase hoxe un centro de interpretación da historia dos cenobios do norte ourensán e do sur lucense

01 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, inaugurará hoxe -ás 11.30 horas- no antigo mosteiro de San Pedro de Rocas, no municipio ourensán de Esgos, un centro de interpretación da vida monástica da Ribeira Sacra. Este novo espazo espositivo e divulgativo foi creado por iniciativa da Dirección Xeral de Turismo. O proxecto, anunciado a comezos do 2005, non é a única actuación prevista para este monumento, xa que o consorcio turístico da Ribeira Sacra pretende instalar na igrexa de Rocas un sistema de iluminación artística e ambientación sonora. San Pedro de Rocas pasa a ser así un referente principal para a divulgación da longa e frutífera histórica monástica da Ribeira Sacra, unha zona que algúns expertos consideran como unha das maiores concentracións de cenobios de toda Europa. O mosteiro de Esgos, fundado en torno ao século VI, é tamén un dos máis antigos que se conservan, pero os investigadores consideran probable que na Ribeira Sacra xa houbese algunhas pequenas comunidades monacais con anterioridade ao nacemento deste mosteiro, tal vez incluso desde o século IV. Dos numerosos mosteiros que se fundaron nestas comarcas desde a alta Idade Media, só dous deles -o das Bernardas de Pantón e o de Santa Clara de Monforte, ambos femininos- seguen a albergar vida monástica na actualidade. As desamortizacións do século XIX acabaron coa maior parte destas congregacións. A orixe do topónimo Pero antes da chegada da desamortización, a reforma monástica do tempo dos Reis Católicos xa suprimira as comunidades máis pequenas que existiron na época, concentrando aos seus membros nas principais abadías. No caso desta zona entre Ourense e Lugo, as que recibiron a eses monxes e monxas foro as de Santo Estevo de Ribas de Sil, Montederramo, San Vicente do Pino e Pantón. Pero non todos quedaron tan perto e moitos foron enviados incluso a centros monásticos distantes, como o compostelán de San Paio de Antealtares. Esta antiga e intensa actividade monástica relaciónase frecuentemente coas orixes do nome da Ribeira Sacra, que aparece mencionado por primeira vez, coa forma Rivoira Sacrata , nun documento do ano 1124. Non obstante, o filólogo Manuel Vidán Torreira considera que a palabra rivoira aludía en realidade a un rebolo, árbore da familia do carballo. Vidán di que foi Antonio Yepes, cronista benedictino do século XVII, quen relacionou erradamente ese nome coa tradición monacal destas terras.