Un adiantado ao seu tempo

Xaime López Arias SARRIA

LUGO CIUDAD

Crónica | Ricardo Núñez Rodríguez Este doutor sarriao consumiu unha grande parte da súa fortuna no antigo manicomio de Vilapedre. Foi pioneiro en varios tratamentos cos internos

03 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Don Ricardo Núñez Rodríguez foi un destacado médico psiquiatra e hixienista que naceu en San Fiz de Vilapedre (Sarria) no ano 1866. Era fillo de Antonio Díaz Guitián, perito agrimensor e de Teresa Rodríguez. Cursou o ensino primario na vella escola pública de Sarria, na traseira do antigo Hospital de San Antón, para o que diariamente recorría a pe os 6 kilómetros que o separaban da súa casa paterna. Cursa o Bacharelato no instituto de Lugo, onde en 1881 o xornal El Buscapie publica diversas charadas da súa autoría. En 1883, no salón grande da casa do cura Camba de Ronfe, imparte clases a 120 nenos e nenas entre 6 e 15 anos, antes de se incorporar o servicio militar. Traslado En 1884 trasladouse a Madrid, onde logrou o apoio de Alberto Aguilera, do Partido Liberal e do tenente xeneral Mariano Socias, sendo nomeado axente de policía, o que lle permitiu iniciar os estudios de medicina, con grande sacrificio por non dispoñer de moito tempo (1884-1893). Exerceu en Madrid como inspector sanitario das casas de prostitución. En 1896 é un dos médicos do Centro Galego de Madrid. Volveu a Galicia, e despois de prestar servicio como médico domiciliario en Láncara, creou a primeira institución luguesa destinada a enfermos mentais na súa localidad nadal, San Fiz de Vilapedre, a carón da estrada de Nadela a Monforte, para o que emprega os seus primeiros recursos. Entre 1911 e 1919 dirixiu médicamente a utilización das augas mineromedicinais do balneario de Céltigos. O Manicomio de Vilapedre vai ser unha institución moi avanzada para a época, dotada dos máis modernos servicios e a súa presenza enche case a primeira metade do século XX, xa que en Lugo a asistencia pública non coidaba ese sector e os doentes tiñan que ser enviados a Conxo ou mesmo a cidades de Castela. Era un centro que nunca contou con subvencións oficiais. Alí o doente gozaba de total liberdade e a suxeción mecánica apenas era utilizada. Practicábase a vida comunitaria e don Ricardo comía no comedor cos seus pacientes. Facíanse grupos terapéuticos e favorecíase a laborterapia. Preocupouse por establecer diálogo entre o pobo e o sanatorio, intentando conseguir que os pacientes fosen plenamente aceptados polos veciños. Non había ambiente represivo. Non se practicaba o castigo, e puxo especial interese en manter as relacións entre os internados e as súas familias. O seu labor alcanzou case o apostolado dun home laico e bon na total amplitude da palabra. Consumiu a súa fortuna en soster o centro hospitalario e ata moi avanzada idade (faleceu aos 92 anos) permaneceu dirixindo a institución gastando nela o pouco que lle restaba dos seus bens. Educación Preocupado pola educación da mocedade, creou tamén unha escola unitaria no Pereiro, moi perto do hospital, e participou en actividades culturais e de divulgación en toda a comarca, sendo notable a súa presencia en publicacións de prensa da época e como autor dalgunhas obras de mellor intención e calidade literaria: La visión de Higia (Lugo 1933) na que nun estilo recargado máis cheo de didactismo, tratou temas relacionados coa educación, a hixiene e os curandeiros; e ¿Alucinaciones? obra teatral pouco lograda que sería representada na Sociedade Cultural da Pobra de San Xulián, da que foi presidente. Creado o sanatorio psiquiátrico de Castro de Ribeiras de Lea, a obra de don Ricardo Núñez foi completamente abandoada e só queda o recordo da súa abnegación e o seu interese.