Entre letras, voces e músicas

La Voz

LUGO CIUDAD

Terra adentro A festividade principal da cultura galega foi celebrada en diferentes localidades do sur lucense con actos moi variados que seguirán nos próximos días

17 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Culminou onte a festa maior da cultura galega con actos celebrados en diversos puntos do sur lucense. Pero o Día das Letras Galegas non se celebra unica e exclusivamente o 17 de maio, como é ben sabido. A data xa foi conmemorada con anterioridade en lugares como Sober. O pasado sábado ofreceuse na Casa da Cultura da vila un concerto encadrado ao mesmo tempo na chamada Primavera musical e nas celebracións do Día das Letras Galegas. Actuou a Banda de Música de Sober e foi un concerto bastante especial, xa que era o primeiro que daba a formación co seu novo director, Miguel Rodríguez Barrio . Por certo, aínda que os seus apelidos coinciden cos do poeta lucense Xavier Rodríguez Barrio, non hai ningún parentesco entre o músico e o vate. Tamén en Sober houbo o día anterior, isto é, o venres, un acto cultural protagonizado polos alumnos do colexio público Virxe do Carme . Os rapaces reuníronse na biblioteca pública para escoitar contos en galego, e os contacontos foron eles mesmos. Ben feito. Un poeta fala doutro poeta No instituto monfortino da Pinguela, a festa das letras galegas foi o pasado luns. Alí estivo o poeta e escritor monfortino Antón Lopo para presentar aos alumnos do centro o seu libro As tres mortes de Lorenzo Varela , unha aproximación á vida e á obra do protagonista do último 17 de maio. ¿Acabaron xa as celebracións do Día das Letras Galegas? Pois non. O próximo vernes hai máis: no Círculo Saviñao presentarase ás oito da tarde o libro de poemas Na lonxitude do tempo , de Mero Iglesias . Que tamén é músico -como seguro que xa saben-, membro do grupo A Quenlla e do dúo Mini e Mero. Con el estarán Xosé Luís Rivas «Mini» e o escritor David Otero.