A última viaxe dunha barca de paso

Pilar Freire CHANTADA

LUGO CIUDAD

GUILLERMO SOTELO

Barcas do Miño cedeu unha embarcación tradicional ó futuro museo de Arxeriz A peza foi trasladada onte dende Chantada ata o municipio de O Saviñao

21 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A Barcas do Miño, unha asociación chantadina que leva dous anos traballando na recuperación e difusión da cultura fluvial, cedeu onte unha embarcación típica do Miño á Fundación Xosé Soto de Fión, que a trasladou á Arxeriz, no municipio de O Saviñao. Unha vez alí, ésta será restaurada e pasará a formar parte dos fondos do museo que a asociación pretende poñer en marcha nesta localidade. Trátase da última barca de paso que se conserva na zona, utilizada para cruzar dunha beira a outra a cambio de unha pasaxe, sistema que foi utilizado ata os anos 60. A nave foi rescatada do cauce na Semana Santa do ano pasado en Pantón e foi exposta no primeiro encontro de embarcións tradicionais de río (EmbarcArte), que Barcas do Miño organizou en Lugo no mes de xuño do 2001. Entre as pezas recuperadas por esta asociación cultural cóntanse unha reproducción dunha dorna do Miño, feita polo escultor de Chantada Primitivo Lareu a partir do único exemplo que se conserva con esta tipoloxía no museo de Ribadavia, unha reconstrucción dun bote de pesca do Ulla, rescatado en xuño do 2001 na parroquia de Carcacía, preto de Padrón, e máis a última barca característica do Sil. O obxectivo de Barcas do Miño é fundar, con estas e outras pezas conservadas en Garabelos, un centro de interpretación da cultura fluvial. Para conseguir a financiación necesaria para levar a cabo este proxecto, os responsables da agrupación pretenden optar ás subvencións do plan Leader.