O filósofo Marcelino Agís explica nun volume a crónica do pensamento galego

REDACCIÓN LUGO

LUGO CIUDAD

ÓSCAR CELA

Foi a derradeira presentación dun tomo na Feira do Libro, que remata hoxe pola tarde

23 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Arroupado por importantes figuras da filosofía e da intelectualidade galega, coma Xaime Illa Couto, Manuel Regueiro Tenreiro e Carlos Baliñas, o profesor da Universidade de Santiago, Marcelino Agís Villaverde, presentou onte o volume Crónica viva do pensamento galego. O libro, editado polo Instituto Galego de Estudios Comunitarios, é un achegamento ás figuras e ás ideas que conforman a filosofía do que se entende por galego. «Parto da época romana para defender que a conformación xeográfica, climática e lingüística de Galicia ten moito que ver na forma de pensar dos seus habitantes», explicou o autor do tomo. Para repasar a historia do pensamento galego, Agís Villaverde fala de figuras tan dispares no tempo coma Prisciliano, autores medievais, Castelao, Ramón Piñeiro ou Celestino Fernández de la Vega. «En case todos detectei un esforzo por pensar no propio, como a saudade ou o especial humor que temos, pero sempre dentro dun ámbito europeo e universal», explicou o profesor de filosofía. Coa presentación de onte, remataron os actos que deste tipo se desenvolveron ó longo da semana na Feira do Libro de Lugo, que remata hoxe. Ás 13 horas haberá unha sesión de contacontos a cargo de Ana Carreira. Ás 17.30 horas haberá contacontos, con Fátima, e xogos para os nenos, para pechar oficialmente a feira ás 21.30 horas.