Aparece na Real Academia o orixinal de «Os Eoas» que Pondal considerou definitivo

TUCHO CALVO A CORUÑA

LUGO CIUDAD

O investigador Manuel Ferreiro deu co texto, do que o bardo fixo miles de versións dende 1857 ata preto da súa morte Logo de século e medio despois de que aparecese o seu primeiro fragmento, vén de ser atopada a obra que máis ten reclamado a intelectualidade galega. Manuel Ferreiro, un investigador que dedicou moitos anos a traballar sobre a figura de Eduardo Pondal, deu entre os fondos da Real Academia Galega co orixinal de «Os Eoas» que o gran bardo considerou definitivo. Dende que Murguía anunciara a súa publicación inminente en «Los Precursores», ata que hai uns anos Méndez Ferrín plantexou nun artigo «O secuestro de Pondal», moitas figuras das nosas letras se interesaron por este poema épico que poucos crían que existise completo.

31 oct 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Manuel Ferreiro (Saavedra-Begonte, Lugo, 1955) fixo a tese de doutoramento sobre o poeta de Ponteceso e xa en 1991 publicou o primeiro traballo sobre a súa figura: Pondal: do dandysmo á loucura». Máis de vinte anos tentando coñecer a fondo este personaxe clave do Rexurdimento galego levárono non só a perder moita vista entre os endiañados textos manuscritos, senón a abrir un sobre no que se ocultaba unha das maiores ledicias da súa traxectoria profesional: «Este é un achádego trascendente, porque sempre se dixo que era unha obra inacabada». Hai uns anos (1992), Amado Ricón preparou cunha beca da Fundación Barrié unha reconstrucción de Os Eoas partindo dos abondosos materiais existentes. Segundo apunta Ferreiro, hai entre vinte e trinta mil oitavas nas que Pondal plasmou ó longo de toda a súa vida as incesantes correcccións do texto. O poeta de Ponteceso gardaba tódolos papeis, dende cartas e apuntes de facturas ós prospectos máis diversos, pasando pola infinidade de correccións ás súas obras. Ferreiro ten rematado un volume con máis dun cento de poemas manuscritos inéditos que contribúen a significar «unha riqueza lingüística e literaria espectaculares». Xa en 1898 dicía La Voz de Galicia que o poeta «pule, corrige y enmienda y acicala su poema, no nos lo entrega». Pondal, na que poida que sexa a única entrevista a un dos «precursores» (La Voz, 19-11-1912) dicía que Os Eoas son «los hijos del sol. Es una palabra de origen griego que significa hijos del sol, de la luz, de la aurora. Así es _lo sabemos todos_ como los indios denominaban a los primeros españoles que pisaron la tierra inexplorada». Aseguraba máis adiante que a obra compóñena «trescientas y tantas» oitavas e que «tengo escritas más de mil, más de dos mil..., no sé; pero ha empezado la poda». Y el propio autor afirmaba en otro marco que «los Eoas se publicarán cuando les llegue su momento (si Dios quiere)». Será agora, nunha edición que xa ten prácticamente rematada Ferreiro e sobre un texto que Pondal entregou para a súa publicación entre finais de 1913 e comezos do ano seguinte. «Non sabemos por que non se publicou, pero hai unha carta do sobriño na que se aleda de que se decidise a dala á imprenta», sinala o investigador. «Non chega ben ás trescentas oitavas», di Ferreiro, para quen a obra na versión definitiva «queda máis narrativa e moito menos lírica. Dende o punto de vista actual, fican fóra as partes máis interesantes, que para un lector de hoxe están onde fala o bardo e non o narrador». Sobre o achádego en si, o investigador pensa que a nova etapa da Real Academia Galega e os traballos de catalogación que emprendeu contribúen a que se podan producir acontecementos coma este.