Onde habitan os tractores

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

LÁNCARA

01 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En pleno corazón de Láncara, encóntrase o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla). Coñezo ao seu impulsor, Marcos Vázquez, dun proxecto que levei a cabo hai tres anos para promover a concienciación sobre os riscos intrínsecos que ten o sector agrario, entre eles accidentes eventuais como o atrapamento por toma de forza ou o envorco. Aventureime a asesorarme por el cando descubrín unha revista antiga de AGAMAC. Nela, aparecía tocando a gaita xunto a un tractor verde, moderno e xigantesco. Pareceume a conxunción perfecta entre a tradición e a modernidade.

En parte e de maneira persoal, considero que o museo forma parte do proxecto de vida que iniciou Marcos e a súa familia hai moito tempo. Penso, asemade, que constituír un museo coma este, único en toda Europa, non é sinxelo nin economicamente fácil. Non obstante, coñecendo o seu entusiasmo non me sorprende nada a consecución do soño de Marcos de Trasliste.

No museo pódese facer unha viaxe pola historia recente da España esquecida, aquela que foi revolucionada polos tractores para aforrar esforzos a aqueles que labraban a terra. Os tractores modernizaron o agro no século pasado. Pensen vostedes o que fixeron estas máquinas na España atrasada da Transición.

Estes días vemos abraiados o peche de Nissan ou Alcoa. A fábrica de Nissan está emprazada na desaparecida factoría de Ebro. Eu non podo acordarme da miña infancia sen ver o Ebro 155 azul que tiñamos daquela na casa. Nun tempo en auxe, España tiña a Ebro, fabricante de camións e tractores. Tamén Barreiros. Hoxe, cun modelo empresarial de deslocalización, preguntámonos por que non temos industria propia. A resposta é sinxela: porque non nos deixan.