Basilio Losada, premio Facer País

La Voz

LÁNCARA

O acto de entrega do premio será en Láncara arredor da segunda metade de outubro

30 sep 2015 . Actualizado a las 14:39 h.

O profesor Basilio Losada Castro é o galardoado na décimo cuarta edición do Premio Ramón Piñeiro Facer País. Un recoñecemento que promove a Asociación Cultural Val de Láncara coa colaboración de diferentes Asociacións culturais da comarca de Sarria e O Corgo, xunto co concello de Láncara e o Colexio Público Integrado Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao (Láncara).

O xurado tivo sobre a mesa moitas candidaturas presentadas polos diferentes colectivos e, tras sucesivas votacións eliminatorias, o designado é o profesor, traductor e crítico literario lancarés.

Representantes destes colectivos, que formaron xurado, avaliaron o labor de Basilio Losada a prol da lingua e cultura galegas, e a súa contribución dende a Universidade de Barcelona a través do ensaio e a crítica literaria para espallar a identidade galega por diferentes países.Tiveron tamén en conta as múltiples traducións de escritores da lusofonía como Saramago ou Rosalía de Castro e mesmo a súa faceta de xenuino narrador e creador literario.

Os membros do xurado do Premio Facer País entenden que a actitude comprometida coa lingua de Basilio Losada e a súa obra contribúen a enriquecer a nosa cultura.

O acto de entrega do premio será en Láncara arredor da segunda metade de outubro. O Premio non ten dotación económica: o elixido recibe como presente a obra dun artista galego nunha xornada na que o val de Láncara acolle a presenza de distintos persoeiros apoiados por veciños da zona. Este ano chégase á décimo cuarta edición poñendo en valor a traxectoria de persoas e entidades que contribúen a preservar a identidade do pobo galego defendendo a súa lingua e cultura.

O primeiro premiado no ano 2002 foi o intelectual Isaac Díaz Pardo. En anos sucesivos recibiron o galardón:

2003 Luís Tosar (actor), 2004 Milladoiro, 2005 Xosé Manuel Beiras, 2006 Xosé Neira Vilas, 2007 A Nosa Terra, 2008 Avelino Pousa Antelo, 2009 Luz Pozo Garza, 2010 Real Academia Galega, 2011 Mini e Mero,2012 Agustín Fernández Paz, 2013 Mesa pola Normalización Lingüística, e 2014 Marica Campo