O Camiño Real por Láncara

CARLOS VÁZQUEZ

LÁNCARA

TRIBUNA | O |

24 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

BAIXO UN sol de xustiza comezamos a andar. Algúns saíran das inmediacións da pequena ponte da Muiñeira, no corazón do Val de Láncara, pasarían despois a carón do Pazo para entre terras de labradío chegares á romana Ponte de Carracedo. Alí, no cumio, agardaba eu, escoitando como embaixo rifaban, amigablemente, dous pescantíns por ver a quen lle picaban mellor. Sen deternos, avanzamos polo vello Camiño Real en dirección á Poboa de San Xiao. No treito inicial sempre en paralelo ó río Neira, de grande fama por ser moi troiteiro. Levamos, nós, paso vivo, como alegre é o traballo dos gorrións que pían atarefados en facer os niños. Ao noso paso pola Velaínza unha cegoña obsérvanos dende o ceo e xa cos pés na terra, unha muller bendice a nosa marcha mentres rega con agarimo as leitugas. O mesmo respecto que sentía ela polo seu horteiro, sentímolo nós un anaco antes, cando ó carón deixamos un sobranceiro castiñeiro. Xa comezabamos a ascensión cando a gaita, que habíanos acompañar durante todo o percorrido entraba en perfecta harmonía cos carballos, castiñeiros e valados. Atrás quedarían xa as fervenzas pero en diante agardábannos as fontes.