A Deputación de Lugo aproba obras por 600.000 euros en estradas ao seu paso por Guntín, Sarria e Paradela

la voz LUGO

GUNTÍN

Un tramo arreglado da LU-P-2901 de Lugo a Guntín e a Palas
Un tramo arreglado da LU-P-2901 de Lugo a Guntín e a Palas OSCAR CELA

Aprobada cun importe de 110.000 euros unha nova convocatoria das axudas dirixidas a entidades asociativas das Reservas da Biosfera Terras do Miño e dos Ancares Lucenses

03 mar 2023 . Actualizado a las 17:16 h.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación por preto de 600.000 euros dos contratos de obras para a acometer a mellora de dúas estradas provinciais, a LU-P-2901, de Lugo a Guntín, e a LU-P-5709, que une Sarria e Paradela. Así o informou a voceira socialista do goberno, Pilar García Porto.

Con respecto á estrada LU-P-2901, as obras realizaranse ao seu paso polo termo municipal de Guntín. «Aprobamos unha actuación moi importante, neste caso para continuar mellorando a estrada provincial LU-P-2901, que une os concellos de Lugo, Guntín e Palas de Rei, cun investimento que supera os 315.000 euros para actuacións que afectan ó tramo que vai do quilómetro 13,1 ó 18,2, á altura de Guntín», detallou, indicando que o prazo de execución dos traballos é de 2 meses unha vez comecen os traballos.

García Porto explicou que, con este novo investimento, esta estrada quedará renovada practicamente na súa totalidade porque a obra licitada agora dará continuidade ós traballos que a Deputación realizou nos últimos anos. En total, a institución destinou máis de un millón de euros a esta vía, moi utilizada polos veciños e veciñas tanto das parroquias do rural de Lugo, como de Guntín e de Palas de Rei.

Outra estrada

A maiores, nesta Xunta de Goberno tamén se aprobou a licitación das obras de rehabilitación da estrada LU-P-5709, ao seu paso polos concellos de Sarria e Paradela cun investimento de 270.000 euros. «Esta é a estrada que comunica Santa María con Castro de Rei de Lemos por Vilamaior, que melloraremos nun treito de 5 quilómetros, dende o punto quilométrico 5,9 ó 10,7, e o prazo de execución é de 2 meses, unha vez que comecen os traballos», avanzou a deputada.

110.000 eurospara axudas ás Reservas da Biosfera

Na Xunta de Goberno tamén se aprobou unha nova convocatoria da liña de axudas que ofrece a Deputación de Lugo ás entidades asociativas sen ánimo de lucro que están asentadas ou que teñen o seu ámbito de actuación no territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá para desenvolver proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das propias reservas.

Este é o terceiro ano no que a Deputación convoca esta liña de axudas, que lanzou por primeira vez no ano 2020, e que, como principal novidade, presenta un incremento do seu importe, ata alcanzar un total de 110.000 euros, o que representa un 32% máis que nos anos anteriores.

Inclúe dúas liñas de actuación: unha dotada con 60.000 euros para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño, e outra, por un importe de 50.000 euros, para actividades na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. «A experiencia destes dous anos anteriores foi moi positiva. Medio cento de asociacións das Reservas Terras do Miño e dos Ancares Lucenses recibiron xa estas axudas, grazas ás que puideron sacar adiante proxectos moi interesantes, que contribuíron de maneira importante a poñer en valor o territorio e a dinamizar a actividade social e cultural. Esta boa experiencia levounos a reeditar esta liña de axudas, que este ano chega antes que en anos anteriores, e que incrementamos no seu importe», explicou García Porto.

Nesta ocasión, a contía máxima da subvención que se outorga será de entre 1.000 euros e 7.000 euros por cada proxecto. O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles, a contar a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Melloras en Rábade

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou a solicitude presentada polo Concello de Rábade para investir remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concellos do ano 2022 en novas actuacións. En concreto, algo máis de 15.500 euros para pavimentar o tramo da rúa Miguel de Cervantes e os calexóns da Rúa Lope de Vega.

Contratos

Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno aprobouse a adxudicación do contrato de subministración de gas propano e mantemento dos depósitos dos Centros de Atención a Maiores de Trabada, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira e Ribas de Sil. Adxudícase á empresa Repsol Butano S.A. por 195.000 euros e por un ano.