O PP pide á Deputación que amañe a «Ruta 66» de Lugo

la voz LUGO

GUNTÍN

Alcaldes e cargos do PP acudiron a San Román da Retorta, en Guntín
Alcaldes e cargos do PP acudiron a San Román da Retorta, en Guntín CEDIDA

Os alcaldes de Friol, Begonte, Outeiro, Guntín e Palas piden a mellora do cinto comarcal

21 oct 2021 . Actualizado a las 22:22 h.

Os alcaldes de Begonte, Friol, Guntín, Outeiro de Rei e mailo tenente de alcalde Palas de Rei, xunto coa presidenta do PP de Lugo e do voceiro popular na Deputación, reclamaron este mércores en San Romao da Retorta (Guntín) a repavimentación e mellora da estrada provincial LU-P 1611, que constitúe o chamado cinto comarcal. Os populares defenderán no pleno da Deputación unha moción para que o goberno provincial tome medidas para a súa mellora.

A presidenta do PP, Elena Candia, dixo que determinadas infraestruturas son esenciais, «son vertebradoras para a dinamización económica do noso territorio e teñen que ser arranxadas para facilitar a vida dos veciños e veciñas que viven no rural». Pediu ao presidente provincial, o socialista José Tomé, que use as competencias da Deputación «e faga caso a unha demanda dos veciños e veciñas de todos estes concellos e da capitalidade da provincia tamén». 

Os populares destacan que esta estrada «é coñecida tamén como a Ruta 66 de Lugo». Suma case 130 quilómetros, sendo unha das estradas máis longas da Deputación. Sinalan:«De todos eses quilómetros, hai moitos que están en moi mal estado, como poñen de manifesto estes alcaldes, que demandan o amaño da vía; así llo fixeron chegar ao presidente da Deputación mediante carta. De momento non recibiron contestación. Os alcaldes queren o compromiso de que no próximo orzamento se empecen a ver as melloras que son tan necesarias nesta vía tan importante», dixo o voceiro do PP, Javier Castiñeira.

Pola súa parte, a alcaldesa de Guntín, María José Gómez, sinalou: «Para o concello de Guntín esta estrada é esencial, porque vertebra o municipio completamente e é a única vía de comunicación que temos coa autovía, tanto para os concellos colindantes de Friol, Corgo e O Páramo como para nós. Os veciños quéixanse continuamente dos rebentóns debido ao mal estado en que se atopa. É esencial para Guntín o arranxo desta estrada e de todas as provinciais que están en moi mal estado».