Jesús Carreira: «Custa moito dicir non a un veciño»

O alcalde de Guntín abandona a política no máis alto, tras 28 anos gobernando con maioría absoluta


lugo / la voz

Jesús Carreira decidiu que a súa etapa en política chegou á súa fin, tras 28 anos como alcalde do seu municipio, Guntín, e marcha como chegou, ou polo menos como foron os seus mandatos: en paz, con tranquilidade e pola porta de diante, con gloria e sempre coa maioría absoluta que lle outorgaron os seus veciños. Vaise un señor, un cabaleiro da política nuns tempos nos que este oficio pasa por momentos convulsos.

-Como entrou en política?

-Metinme en política sendo algo que non me gustaba. Estaba a gusto traballando en Caixa Galicia e todos os anos viñan varios partidos a buscarme, pero no 1991 ninguén o fixera, estaba tranquilo. E, por estas datas, recibo unha chamada de Cacharro, que quería falar comigo. Propúxome ir de cabeza de lista e eu díxenlle que non. Logo, houbo veciños de Guntín que foron onda Cacharro e tamén viñeron onda min para presionar. Ao final díxome alguén que, se a Cacharro se lle metía na cabeza de que tiña que ir, antes ou despois acabaría sendo [risas]. E tamén a familia me animou.

-En que empeorou a política nestes últimos 28 anos?

-Non me gusta cando se tiran os trapos á cabeza, prefiro falar de pactos, de acordos entre partidos ganadores, como o PP e o PSOE, de accións de goberno, de economía... Os políticos temos que pensar nos veciños.

-De que feitos se sente máis orgulloso como alcalde?

-Da amizade dos veciños. Non todos o son, pero case ninguén me torce a cara, e sinto o cariño. E logo estou satisfeito cando conseguimos o instituto, porque iso ou o tes unha vez ou vaise para sempre. Ou cando conseguimos o PAC, ou agora a escola infantil. A casa da cultura foi un logro importante. Conseguimos que regresaran os gardas civís a Guntín, as piscinas, o polideportivo, as primeiras beirarrúas...

-E que quedou sen facer?

-Sempre che van a quedar cousas. A espiña cravada foi non ter conseguido o PXOM para poder ter un polígono industrial, que lle daría vida ao municipio.

-E o peor momento?

-Os malos son cando me vén unha persoa e non podes satisfacer as súas necesidades. Levas o seu problema para a casa, revólvete de noite na cama. Hai cousas que, aínda que as comprendes, non podes facer nada, e dicir que non custa moito.

-Cal e o futuro de Guntín?

-Ten que pasar polo polígono industrial e polo PXOM. Se o temos, haberá máis terreos edificables para poder ser un municipio dormitorio de Lugo.

-Que consello lle daría a quen o suceda no cargo?

-Dar consellos é difícil, porque todas as persoas somos distintas. O máis importante é atender aos veciños, escoitalos sempre que te vaian visitar e intentar solucionar os seus problemas. Ás veces véñenme con problemas que non teñen nada que ver co Concello, son cousas persoais, pero estou contento de poder dicirlles onde llelo poden resolver. O que veña terá que seguir un camiño parecido.

-E cal será o futuro de Jesús Carreira?

-Cando me prexubilei en Caixa Galicia botei catro días que espertaba de noite e xa me viña á cabeza o traballo, e dicía «sigue durmindo que non tes nada que facer» [risas]. Á cabeza viranme outras preocupacións distintas. Seguirei mantendo relación coa xente porque vivirei en Guntín e notarei un gran relax.

Carreira fai repaso dalgúns dos gobernantes cos que tivo que compartir momentos como alcalde de Guntín

-Manuel Fraga?

-Sempre foi unha persoa seria, que só quería gobernar, e foi un grande emprendedor para Galicia.

-Cacharro?

-Quizais non valoramos o que fixo pola provincia. Hoxe falamos do campus de Lugo e témolo grazas a el. Sempre tiven boa relación con el, unha persoa seria e que, se se comprometía con algo, era seguro que a facía. Cumpría a súa palabra.

-Gómez Besteiro?

-Era boa persoa, pero é certo que non me daba moitas cousas [risas]. Pero ben, ás veces hai cousas que entendemos...

-Darío Campos?

-É unha boa persoa, pero comprendo que ten unha situación difícil.

-Elena Candia?

-Aprécioa e quéroa moito. É unha traballadora empedernida. De traballo está sobrepasada. É unha persoa formal, honesta e desde logo penso que vai triunfar na política e será un referente para Lugo.

-Feijoo?

-É un gran político, fixo cousas boas para Galicia e esperamos que siga facéndoas. Téñolle aprecio.

-Rajoy?

-Foi o mellor presidente que tivo España. Pódeselle achacar algún erro, pero erros témolos todos. Nunca se valora a situación na que colleu España, e iso só lle pasou a el, como a colleu economicamente e como a deixou.

Biografía. Jesús Carreira Ferreiro, Guntín, 1951. Casado e con dous fillos.

Actividade laboral. Xubilado de Caixa Galicia. Foi director da sucursal en Guntín.

Política. Alcalde polo PP desde 1991, sempre con maiorías absolutas. Deputado provincial desde o 2007.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Jesús Carreira: «Custa moito dicir non a un veciño»