Un impulso verde con xogos e plantas no colexio Santo Estevo de Guitiriz

Francisco Albo
Francisco Albo LUGO / LA VOZ

GUITIRIZ

O centro desenvolve un proxecto para fomentar un tempo de recreo máis inclusivo coa axuda do programa de educación ambiental Voz Natura

30 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante o curso escolar que xa está entrando na recta final, o colexio público plurilingüe Santo Estevo de Parga —no municipio de Guitiriz— desenvolveu dous proxectos principais co apoio do programa de educación ambiental Voz Natura. Un deles consistiu en crear unha área de xogos seguindo os principios da e terapeuta asturiana Gey Lagar, quen deseñou un programa para transformar os recreos escolares de maneira que ningún neno quede excluído.

Segundo explica o profesor Rubén Iglesias Seoane, que coordina estas actividades, dentro deste proxecto creouse unha serie de xogos —como un tres en raia, un parchís, unha instalación para prácticas de equilibrio con cordas e un circuíto composto por troncos— empregando sobre todo materiais de reciclaxe. «Para o parchís, por exemplo, aproveitamos vellos rolos de cables», apunta. No patio do colexio instalouse ademais un tear deseñado segundo a tradición castrexa. «Xa hai un grupo de nenos que son expertos en fabricar tecidos», comenta o docente. 

Axudar a socializar

O obxectivo de todos estes xogos, di por outra parte Rubén Iglesias, é «conseguir que o tempo de recreo sexa máis inclusivo e que axude a que os nenos poidan socializar, incluso aqueles aos que lles custa máis facelo, que é un aspecto algo desatendido na educación tradicional».

A outra iniciativa de educación ambiental que se desenvolve este curso no colexio de Guitiriz, consiste en crear un horto escolar ben planificado. «Os alumnos de sexto de primaria fixeron en primeiro lugar un plano a escala no que se dividiu o horto en diferentes zonas e despois levouse este deseño á práctica facendo medicións sobre o terreo», conta o profesor. O horto foi así separado en varias áreas nas que se cultivan diferentes tipos de hortalizas: leitugas, cebolas, repolos, patacas, remolachas, espinacas, brócolis... As do horto non foron as únicas plantacións. «No colexio temos un patio de luces que antes tiña moi pouca vida e aproveitámolo para plantar amorodos», apunta Iglesias.

O proxecto de educación ambiental do colexio denomínase «Impulso verde», xa que —segundo indica o profesor—, o que se pretende con el é «dar un impulso ao noso patio escolar, facéndoo útil tanto para o xogo como para o traballo académico»,

Voz Natura é un programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. Todos os centros lucenses inscritos nesta edición participan na iniciativa Naturacción, patrocinada pola Fundación Alcoa co apoio de Alcoa San Ciprián e a colaboración da Consellería de Educación.