Comezan as obras na residencia de maiores de Guitiriz

la voz LUGO

GUITIRIZ

José Tomé e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, visitaron o inicio das obras da residencia
José Tomé e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, visitaron o inicio das obras da residencia CEDIDA

O presidente da Deputación visitou a vila e logo acudiu a Rábade onde o organismo provincial aporta os fondos para a reforma do campo de fútbol de Catro Ventos

28 abr 2023 . Actualizado a las 21:21 h.

A Deputación de Lugo iniciou as obras de construción da residencia de Guitiriz. O presidente provincial, José Tomé, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, supervisaron a pé de obra o inicio dos traballos do Centro de Atención a Maiores, situado en fronte da Casa Consistorial. As obras teñen un prazo de execución de 18 meses e contan cun orzamento de 2 millóns de euros.

as características

A residencia de Guitiriz estará dividida en catro plantas, e disporá de 23 dormitorios dobres, que permitirán ofrecer un total de 46 prazas. No semisoto estarán situados dous almacéns, a lavandería e cuartos de instalacións. Na planta baixa atoparanse o vestíbulo, a recepción, a dirección, a sala de convivencia, a sala de actividades, a unidade social, o comedor, dous aseos, os vestiarios do persoal e o cuarto de limpeza. Na primeira planta están proxectados 11 dormitorios dobres con baño, a consulta médica e sala de curas, dous cuartos individuais de enfermería, o aseo de enfermería, o almacén de farmacia, a sala de estimulación sensorial, o cuarto de limpeza e o baño xeriátrico. O resto das habitacións, 12 dormitorios con baño, estarán na segunda planta, xunto ao ximnasio con aseo, o cuarto de limpeza, un almacén e o baño xeriátrico.

Coma no resto de residencias que constrúe a institución provincial, os usuarios tamén disporán doutras dotacións, como salas de estar, de lectura ou de televisión, todas elas de uso común, e servizos de lavandería, cociña, enfermería e primeiros auxilios, «o que asegura a prestación de amplos servizos de calidade para os usuarios».

Esta dotación precisará de persoal para cubrir as necesidades dos maiores, polo que se crearán postos de traballo directos que inclúen coidadores sociais, médicos e ATS, que darán cobertura ás 24 horas do día, así como administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza, entre outros.

novo proxecto

A Deputación de Lugo, explica, tivo que redactar o proxecto da residencia de Guitiriz de novo tras o colapso da Casa da Botica debido a un temporal. «Un proxecto validado por Patrimonio da Xunta, no que quedarán integrados no edificio elementos patrimoniais catalogados e de interese da Casa da Botica, como son o reloxo de sol, as xambas e a lareira», explican desde o goberno provincial.

Visita de Tomé ás instalacións do campo de fútbol de Catro Ventos en Rábade
Visita de Tomé ás instalacións do campo de fútbol de Catro Ventos en Rábade

Visita aos terreos do campo de fútbol de Rábade

Por outra parte, o presidente da Deputación e o alcalde de Rábade, Francisco Fernández Montes, visitaron este venres os terreos para a rehabilitación e mellora do campo de fútbol Catro Ventos, empregado polo equipo local para disputar os seus partidos e adestrar.

A Deputación de Lugo financia integramente esta actuación a través dun convenio de colaboración co Concello cun orzamento de 200.000 euros. Os traballos contemplan a renovación do peche do campo de fútbol, a rehabilitación da bancada, a renovación da cuberta e a dotación de novas portas de acceso, tanto peonil, como de vehículos, o que aumentará a capacidade da veciñanza para asistir ao campo de fútbol. Tamén se construirá unha plataforma para o acceso de ambulancias e de maquinaria.

Por outra banda, mellorarase o firme da zona do ximnasio existente na esquina da rúa Cantarrana co camiño Carpaciñas e demolerase a caseta de madeira do outro lado, entre a rúa Bautista Núñez e Carpaciñas.