Lugo: «Unha boa parte da cultura galega ten moito que ver co monte»
Esteban Roca, historiador, salienta o traballo económico e social dos comuneiros
GUITIRIZ / la voz
Esteban Roca Núñez escolleu como tema para o traballo de fin máster a evolución do monte veciñal en man común no concello de Guitiriz no século XX. O asunto non lle queda lonxe, pois é de Parga, unha das zonas do municipio onde o monte comunal e a actividade forestal en xeral teñen unha importante presenza.
-Sabe realmente a sociedade o que é o monte comunal?
-Creo que se sabe o que hoxe se considera monte comunal, é dicir, o que son as comunidades de montes que xestionan un territorio. O que quizais non se sabe é o que representou o monte comunal ao longo da historia. Por outra banda, creo que a xente do medio rural, coas súas explotacións, si coñece o mundo do monte; sobre todo, coñéceo xente que vive no medio rural e do medio rural.
-Que valor ten realmente o monte?
-Está pouco valorado, porque afecta a máis cuestións do que se pensa. O monte ten un potencial económico, e do monte extráense moitos recursos: madeira, pedra, pastos... Pero o monte ten tamén outras connotacións, coma a paisaxe. Galicia está identificada coa paisaxe do monte, e unha boa parte da cultura galega ten moito que ver co monte: no noso himno fálase de árbores. No caso de Guitiriz, tamén é obvio.
-Cal é o valor histórico do monte en man común?
-Dende que o mundo se organiza coma hoxe, non se entende o medio rural sen o monte. Do monte saen materias primas nas que se sustenta a vida rural: pastos, toxos, leña... Iso foi variando, e o monte orientouse máis á industria, como ocorreu despois das repoboacións forestais de hai décadas. Todo iso se lle pode aplicar ao monte comunal, porque a principios do século XIX, por exemplo, o monte comunal representaba unha boa parte do monte galego.
-Entende as características do monte comunal alguén que non o coñece de preto?
-Pode que non, porque unha das características do monte comunal é que se considera comuneiro a quen vive de maneira estable nun sitio. O que non sexa comuneiro quizais non entenda iso. Pero no pasado si foi importante, porque o monte axudaba a crear sociedade e era un eixe sobre o que xiraba a vida económica e social.
-Se o medio rural se vai abandonando, que futuro poden ter as comunidades de montes?
-Probablemente nun contexto coma o que se vive dende hai anos, no que a xente marcha porque non hai servizos, é complicado para as comunidades de montes. Por iso é importante que se tente darlle valor ao medio rural e frear ese proceso.
-Que pode facer unha comunidade de montes no obxectivo xeral de conseguir un medio rural máis vivo?
-Creo que cómpre explotar os recursos do monte de maneira que queden aquí: así poderíase conservar máis o rural. É só unha idea; pero creo tamén, dende unha perspectiva cultural, que debemos dar valor ao noso pasado e ao noso presente.
-Guitiriz ten comunidades de montes en case todas as parroquias. Supón iso unha situación excepcional?
-Polo que levo estudado, Guitiriz segue as directrices xerais do monte galego. A principios do século XVIII, dous terzos do territorio galego eran montes. En Guitiriz, hoxe, o monte comunal é aproximadamente un 30 % do territorio do concello. Pero dende o punto de vista socioeconómico si é un caso moi activo, porque practicamente cada parroquia ten a súa comunidade de montes e é algo que mesmo está presente nas conversas. Aí sí é unha excepción.
Inicio.
Esteban Roca Núñez naceu en Parga (Guitiriz) en 1997.
Traxectoria.
É licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Actividade.
Está a preparar un estudo, que é un traballo de fin de máster, sobre a evolución dos montes comunais no concello de Guitiriz no século XX.
Comentarios