Blonda de Aquitania, Rubia galega

GUITIRIZ

PEPA LOSADA

19 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un escoita falar de Blonda de Aquitania e váiselle o maxín á fraga de Esmelle, ou a unha outra figuración das Crónicas do Sochantre ou de Merlín e familia. Figuras que andan prendidas por sempre na cabeza e no corazón. Tal sucedeu cando parei nunha crónica de La Voz que contaba dun deses chanzos da innovación pouco sabida no agro galego: unha rubia francesa, Blonda de Aquitania, que viu dar nas terras de Labrada en Guitiriz, seica condado de Montenegro. Terras tamén do mundo de don Álvaro Cunqueiro por man de aquel Oswaldo Jove, o Coxo de Entrebo, un dos seus menciñeiros afamados para o gando e mailo tempo.

Saber desa gandaría de Blondas de Aquitania levoume ás razas de vacún acreditadas: Marela ou Rubia Galega, Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, e Vianesa. E aquelas outras naturalizadas galegas coma a Asturiana, as francesas Limusina e Rubia de Aquitania, a Frisoa ou Holandesa, e a Suíza ou Pardo alpina. Razas de fora coa capa semellante ás marelas galegas, agás a holandesa ou frisoa tan propia xa da terra que, pola súa capa branca e negra, se coñece entre nós coma Pinta.

Mais si de todo isto pretenden saber acudan a O libro da Vaca, de Pedro Benavente Jareño e Xesús Ferro Ruibal, editado no 2010 polo Centro Ramón Piñeiro, unha obra inxente e asombrosa, nacida dun encontro entre un veterinario -aragonés- e un lingüista. Poderán ver alí o mundo da vaca e dos galegos.

Lendo aquela crónica lucense acordei os anos de mocidade, anos 60, nos que da man do veterinario Carlos Bercianos, no seu Renault 4L, recorriamos as terras de Buriz, Mariz, Os Vilares, Santa Mariña, Roca ou Sesulfe. Vacinando contra a glosopeda ou indo ás paradas de inseminación por ver que a Rubia galega dera crías cuonas, ou mellorar a súa capacidade leiteira, grazas ó seme que chegaba de Lugo na Empresa Ribadeo.

Un mundo, o da innovación e mellora do gando galego, que botou a andar co Plan Agrícola de Galicia -hai tantos anos coma eu teño- para mellorar a rubia galega por selección xenética. Resultados que recolleu e analizou o investigador Juan Piñeiro Andión atendendo ós traballos entre 1949 e 1955 de Fernández-Quintanilla, baseados na selección do fenotipo para aumentar o rendemento leiteiro das vacas en Galicia. E que logo de 1956 foi abandonado, substituíndoo por cruces con outra raza, a South Devon inglesa, escollida pola súa resistencia as adversas condicións do agro galego, en palabras do enxeñeiro G. de Azcárate no 1961, mais ao parecer pouco acertada para mellorar a Marela galega.

Andar en La Voz de Somos Agro, ou nos dixitais de Campo Galego e Vaca Pinta, entre outros, permite asombrarse dese mundo gandeiro onde tamén chegou a vaca jersey. E mais saber de razas e rendementos, calidades, xenética e cruces mesmo de tres razas, e aínda buscar a recuperación leiteira da rubia galega, tan alterada pola querencia de xatos cuóns. E mesmo saber das empresas gandeiras innovadoras para aprender, indo -un poñer- a Chantada, Nodar, Labrada, Dumbría ou Quión.