Comezan as obras para o centro de maiores de Guitiriz

La Voz LA VOZ

GUITIRIZ

Firma del inicio de las obras de la residencia de mayores de Guitiriz
Firma del inicio de las obras de la residencia de mayores de Guitiriz CEDIDA

A Deputación inviste 1,2 millóns na Casa da Botica

19 may 2020 . Actualizado a las 19:35 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto á alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e os deputados de Promoción do Territorio, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participaron onte na sinatura da acta de reinicio do replanteo das obras do centro de atención a maiores da localidade chairega, o documento técnico que marca o inicio inmediato dos traballos de construción na Casa da Botica dunha dotación social na que a institución provincial inviste 1,2 millóns.

As obras comezarán hoxe, unha vez asinada a acta de reinicio do replanteo polo director de obra e un representante da adxudicataria, tras modificarse o Plan de Seguridade e Saúde para adaptalo ás novas condicións esixidas pola crise sanitaria do covid-19. Neste plan tamén se incluíu un novo apartado para efectuar a demolición do interior da edificación, que sufriu deterioracións este inverno causadas polas condicións meteorolóxicas adversas.

Tomé dixo que era «un momento histórico para Guitiriz» porque, subliñou, «para chegar ata aquí houbo que superar un proceso longo e complexo, no que resultou fundamental a estreita colaboración e contacto permanente entre a Deputación e o Concello.. O presidente puxo esta obra como exemplo do compromiso do seu goberno con todos os centros de maiores comprometidos do anterior mandato.

Pola súa banda, a alcaldesa de Guitiriz amosou a súa satisfacción: «Foi unha prioridade para o

equipo de goberno desde o comezo do mandato e que, primeiro pola tardanza da Xunta en achegar a autorización e logo pola situación xerada pola expansión do coronavirus, se demorou máis do previsto».

Características

O centro de maiores que a Deputación acondicionará na Casa da Botica constará de tres plantas e disporá de 26 habitacións individuais para uso normal, que poden converterse en habitacións dobres, e unha habitación, a maiores, para uso de enfermería por residentes que precisen unha atención sanitaria importante.

A planta baixa do edificio existente reformarase para albergar a cociña e zonas de servizo anexas, o comedor, o despacho de dirección, os aseos adaptados e unha sala de reunións, así como un distribuidor e unhas escaleiras que comunicarán esta planta coas superiores. Na zona de nova construción situarase o acceso principal da residencia, a recepción, o monta-padiolas (que servirá tamén de ascensor), un pequeno almacén de roupa, 5 dormitorios para residentes, con cuarto de baño adaptado cada un deles, así como os vestiarios e aseos do persoal.

A primeira planta albergará unha sala multiusos, un local para fisioterapia, un ximnasio, un despacho médico, unha habitación de enfermería con baño incorporado adaptado, e dous aseos adaptados para uso xeral. Na parte de nova construción haberá 6 habitacións, cada unha delas cun baño adaptado incorporado, e un local para baño xeriátrico, así como unha pequena zona de estar. Na segunda planta, na parte correspondente ao edificio existente, haberá 9 habitacións cada unha delas con baño adaptado incorporado, mentres que a parte de nova construción albergará 6 habitacións con baño adaptado cada unha, así como un pequeno local para almacén e útiles de limpeza.