A Deputación investirá uns 270.000 euros en vías provinciais de Guitiriz e Antas de Ulla

Arranxarase a vía que une Mariz co límite coa provincia da Coruña, no municipio de Sobrado dos Monxes


lugo

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación dun conxunto de obras en estradas de titularidade provincial nos concellos de Guitiriz e Antas de Ulla por preto de 270.000 euros. Así informou o presidente provincial, José Tomé, que explicou que os traballos se desenvolverán na primavera e teñen como fin mellorar a seguridade e a comodidade dos usuarios e usuarias que transitan por estas estradas provinciais.

Por unha banda, no caso de Guitiriz, aprobouse a adxudicación dos traballos que se van realizar na estrada provincial LU-P-2302, no termo municipal de Guitiriz, por 197.880,54 euros. Esta é unha vía que comunica a capitalidade de Guitiriz co Concello de Sobrado dos Monxes, na provincia da Coruña. As actuacións vanse facer nun treito duns 6 quilómetros, entre a parroquia de Mariz ata o límite coa Coruña, entre os puntos quilométricos 3,5 e 9,5.

Os traballos consistirán na limpeza das cunetas, con reafirmado dos bordes, dotando despois a toda a superficie dunha capa de aglomerado en quente, e que finalmente será sinalizado.

Por outra banda, tamén se adxudicaron unhas obras que se van realizar nun conxunto de estradas provinciais no concello de Antas de Ulla por importe de 68.970 euros. A primeira delas é na estrada provincial LU-P-4002, que consiste no ensanche da plataforma da estrada ata o entronque co núcleo de San Martiño de Vilapoupre. Unha vez ampliada a plataforma, será dotada dunha capa de rodadura de mestura bituminosa, realizándose tamén a sinalización correspondente, vertical e horizontal.

A segunda das actuacións de Antas de Ulla, levarase a cabo na estrada provincial LU-P-0306, que conecta a parroquia de Santa Mariña con Frádegas e Vilariño, iniciándose os traballos unha vez superado o cemiterio, e que consistirán na ampliación da plataforma dunha curva para ampliar o radio de xiro, suprimindo así a perigosidade que presenta na actualidade.

Dotarase tamén dunha capa de rodadura de aglomerado en quente a este treito de estrada en toda a superficie afectada polas obras.

En terceiro lugar, a Deputación actuará na estrada provincial LU-P-0302, que vai de Antas de Ulla a Santa Mariña, á saída do núcleo urbano. As obras van consistir na construción de beirarrúas na marxe esquerda para facilitar o paso de persoas con seguridade. Este treito de estrada que se corresponde coa nova beirarrúa tamén será mellorado cunha nova capa de firme de aglomerado en quente e dotada da sinalización correspondente.

Actuacións en Ribeira de Piquín e Viveiro

A Xunta de Goberno tamén aprobou unha obra de urxencia no Concello de Ribeira de Piquín, na estrada provincial LU-P-4806, debido a unha rotura nun terraplén no punto quilométrico 24,6. Este terraplén serve de asento da estrada e é importante actuar con celeridade para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias que transitan por esta vía de titularidade provincial. Nesta actuación invístense 43.500 euros.

Tamén se lle deu luz verde ao proxecto e á contratación por 113.175€ das obras de reparación do muro de contención do recinto do Cemiterio Municipal de Altamira, no concello de Viveiro, enmarcadas no programa Plan Único.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A Deputación investirá uns 270.000 euros en vías provinciais de Guitiriz e Antas de Ulla