Alfonso Blanco: «Dígolles aos rapaces que a catequese é sagrada, e o deporte, tamén»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS GUITIRIZ / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

Promoveu actividades deportivas para dar un espazo propio aos novos guitiricenses

06 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xermolos é un colectivo coñecido sobre todo polo seu labor cultural. A súa traxectoria, porén, semella máis ben a dun triángulo, pois tamén actuou como unha asociación social e deportiva. No centro estaba, pero aínda está tamén, Alfonso Blanco (Montevideo, 1950), que promoveu a creación da asociación pouco despois de chegar como crego a Guitiriz. Pouco tardou o deporte en formar parte da oferta de Xermolos, que naceu como unha maneira de dar protagonismo á xuventude e de recoller as súas inquietudes.

Así xurdiron varias seccións: a de ciclismo mesmo chegou a organizar unha volta á Terra Chá; a de fútbol sala xogou competicións na Coruña; a de baloncesto competiu no campionato provincial... Aqueles eran, como lembra Alfonso Blanco, tempos de máis vontade ca medios. De todos os xeitos, a ilusión superou calquera atranco e mesmo se fomentou a práctica do deporte nas mulleres. «Antes de Xermolos -di- o deporte feminino en Guitiriz estaba pouco espallado».

-Elixíronse os deportes por algunha razón en particular?

-En parte, por escoitar as iniciativas de todas e de todos; en parte, porque era máis doado practicar eses deportes ca outros. Daquela non había os pavillóns que hai hoxe; xogábase ao baloncesto no campo da feira, nada que ver co pavillón que hai hoxe. Iso tamén nos animou a dar a remuda ao Concello; o importante non era o noso protagonismo senón que a xuventude practicase deporte.

-Que supón o deporte para a xuventude?

-Algo importante. Mesmo eu boto de menos non telo practicado; foi un certo erro. Cando teño cos rapaces actividades coma a preparación para a confirmación, dígolles que o deporte é sagrado: a catequese éo, pero o deporte, tamén. Axuda na saúde e na convivencia. Xogando en grupo, créanse espazos de convivencia, tense unha aprendizaxe.

-Ten ideoloxía o deporte?

-Hai unha absolutización dos equipos que non ten nada que ver coa práctica deportiva. Noto que ás veces se ideoloxiza ou se politiza demasiado. Pode ser que che guste un equipo, que pode ser o da túa vila; iso crea unha ilusión que pode ser boa.

-Como cambiou Guitiriz coas actividades deportivas de Xermolos?

-Xermolos naceu como un xeito de valorar ese treito de idade que é a mocidade. A sociedade pensaba que a mocidade era unha enfermidade que cumpría pasar; non se decataba de que a xuventude, coa súa paixón, coas súas gañas de liberdade, estaba a mellorar o mundo. O deporte serviu para que a xuventude tivese máis protagonismo na vida cotiá e para que se lle recoñecesen os seus valores. Nun equipo un é porteiro, e outro, dianteiro: todos son necesarios.

-Como fan os nenos de hoxe para compaxinar deporte e catequese?

-As nenas e os nenos teñen unha axenda complicada dende pequenos; a Igrexa ten que comprendelo. O que facemos é poñernos de acordo con elas e con eles sobre a hora que máis lles convén. A catequese ten que ser un acompañamento das persoas; xa o era así o ensino para min. Hai que achegar a boa nova de Xesús, non impoñendo nin obrigando. A relixión non pode estar só no ámbito privado, ten que crear relacións de ben. Ás veces penso que a Igrexa está a privarse dese treito de idade, e nótase.