«Ser capador era unha diversión, un pasatempo»


ILaLBa / LA VOZ

Con 89 anos, acompañados de interese en lembrar tempos pasados e de bo humor para comentalos, Manuel García López fala dun oficio que hoxe pode soar a cousa dun pasado moi remoto. Non hai tanto tempo, porén, en que andaba por Guitiriz, por outros concellos da contorna e mesmo por Lugo capando animais: porcos, cans ou cabras eran algúns deles. No seu caso, por outra banda, houbo unha parte de continuidade familiar, pois un tío e un bisavó xa foran antes capadores. Quizais ese feito tamén axudou que a apendizaxe, como explica, non lle resultase difícil.

Andaba pola comarca a pé ou a cabalo, aínda que logo chegou a viaxar en autobús en tren. O traballo dáballe diñeiro; pero tamén había outras maneiras de acadar recompensa, pois se lle daban de comer, non cobraba cartos. «Non hai que ser aproveitado», di. Por outra banda, o que levaba canda si para traballar non pesaba moito nin ocupaba moito sitio: un capador, di, necesita unha coitela, unha agulla e fío, ademais do chifre que anuncia a súa chegada.

-Canto cobraba á xente polo traballo?

-Depende... Cando comecei, cobraba 20 pesetas por capar unha cadela; e cando o deixei, 10 euros.

-Gustáballe o traballo que facía?

-Paseino do mellor. Para min, o oficio era unha diversión, un pasatempo... Todo o mundo me quería ben.

-Naqueles tempos, supoño, había máis xente que facía ese mesmo traballo pola zona pola que andaba vostede.

-Si. Soamente en Guitiriz eramos cinco capadores. No concello de Begonte non había ningún; no de Outeiro de Rei, tampouco. Si os había, dous ou tres, no de Cospeito.

-Como era a relación entre vostedes, no oficio?

-’Bueno, bueno...’ Un tiña mala idea, todo o quería para el. Todo o mundo tira para si, pero eu non facía iso.

-Gustaríalle ter aprendido o oficio a outra xente?

-Non. Moitos dicíanme se lles aprendía, pero non. Non me daba gusto. Se aprendía a outros, fastidiábanme a ganancia.

-Eran bos os días de feira para ir conseguindo traballo polas casas?

-Ía ás feiras e avisábanme.

-Cal era a mellor feira pola que andaba vostede?

-A de Parga era a mellor de por aquí. En Rábade, o 2 e o 22 de cada mes, tamén facía bos tratos. Teño ido tamén a Lugo.

-Canto tempo leva capar un porco?

-Depende. Uns son máis rexos ca outros. Un que sexa normal, sete minutos.

-Cambiou o traballo no tempo en que vostede o exerceu?

-Non. Sempre foi igual.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Ser capador era unha diversión, un pasatempo»