«Teño a sorte de que os meus colegas son xente nova; iso axúdame a manter a ilusión»
Ilusión e entusiasmo son dúas palabras que axudan a reflectir o traballo de Alfonso Blanco, a quen nin os problemas de saúde afastan da actividade; por exemplo, adoita acudir todos os días á biblioteca que en Guitiriz atende Xermolos. Con ilusión pero tamén con lucidez afirma que a asociación mantén o seu proxecto de restaurar a casa natal de Xosé María Díaz Castro, situada nos Vilares e entregada á asociación por disposición testamentaria do derradeiro dos irmáns do poeta.
-Aínda conserva a ilusión de hai anos?
-Teño a sorte de que os meus colegas son xente moza: soño con eles, programo con eles, e iso axúdame a manter a ilusión. Malia os problemas de saúde, a idea é seguir soñando.
-Mellorou Guitiriz dende 1976?
-Avanzou en certos aspectos, modernizouse; pero as aldeas están máis illadas, despoboadas. Houbo unha época en que os balnearios, todos en xeral e o de Guitiriz tamén, tiñan unha forza que hoxe non teñen, e iso nótase na rúa. No ensino, si hai uns medios que antes non había.
-Velle bo futuro?
-Os que somos soñadores temos que pensar que si; pero sempre, vencellado coa Terra Chá e con Galicia. Eu mesmo creo que as cidades dependen do medio rural. Hai que pensar que se volverá abrir o balneario e se superará ese ir e vir. Temos recursos: a auga, a pedra... Hai que usalos para mellorar o nivel económico e o cultural.
Os mortos do verán de 1936, na memoria
A homenaxe que recibirá Alfonso Blanco, preparada por amigos seus, xorde dunha homenaxe na que el está a traballar dende hai tempo: trátase dunha lembranza de republicanos da Coruña que foron sorprendidos no verán de 1936 en Santa Mariña de Lagostelle, a onde chegaran fuxindo da represión do bando franquista na cidade. Os copros dalgúns aínda xacen na parroquia, preto da igrexa.
«[O bispo Araúxo] coñecía o meu entusiasmo para traballar coa xente nova»
«Son chairego porque sempre me gustou ir lugar por lugar, aldea por aldea»
«Manuel María non foi o que inventou a Terra Chá, pero foi o que nola reinterpretou»