Alfonso Blanco Torrado será homenaxeado en xullo en Santa Mariña, onde é párroco

X.M.P. VILALBA

GUITIRIZ

Foto Suso

O acto organízase coincidindo cun acto de lembranza a asasinados en 1936

15 jun 2018 . Actualizado a las 22:57 h.

Alfonso Blanco Torrado recibirá unha homenaxe o vindeiro 8 de xullo. O acto terá lugar en Santa Mariña de Lagostelle (Guitiriz), onde Blanco é párroco dende hai anos. A celebración da homenaxe naceu da preparación doutra lembranza, a dedicada aos coruñeses asasinados nesa zona en xullo de 1936.

Problemas de saúde impiden nestas últimas semanas a Blanco desenvolver a actividade social e cultural que mantén, dentro e fóra da comarca, dende hai anos, tanto na Asociación Cultural Xermolos como na Irmandade Manuel María. Porén, membros da asociación guitiricense e amigos seus acordaron continuar coa preparación desa homenaxe aos republicanos coruñeses, aínda que engadindo un recoñecemento ao labor de Alfonso Blanco como dinamizador social e cultural.

Polas festas

En Santa Mariña de Lagostelle, coincidindo coas festas da parroquia, vaise descubrir un monolito, do que é autor o escultor Xosé Val Díaz, Valdi. Servirá como lembranza aos mortos do verán de 1936 e asemade como homenaxe a Alfonso Blanco Torrado.